Unha volta polas músicas, bailes e memorias
Punto e Volta naceu como un proxecto audiovisual en liña coa vontade de radiografar a situación da música tradicional galega a través das historias, das músicas e dos bailes de diferentes persoas e xeracións. Conversamos con Olaia Tubío e Raquel Pérez, o cincuenta por certo deste colectivo, e Sara García, unha das súas protagonistas. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 273.
Son Olaia Tubío, Raquel Pérez, Alejandro Gándara e David Fontán. Catro graduadas en xornalismo que decidiron darlle unha volta á situación actual da música e baile tradicionais e populares en Galiza. E para iso recorreron directamente ás protagonistas, ás historias e aos relatos de xente de diferentes xeracións e de lugares diversos da xeografía galega. Contan con páxina web [puntoevolta.com] e botan man de diferentes redes sociais para partillaren os contidos de todas as súas entrevistas nas que se poden atopar desde conversas con grupos de pandereiteiras, lembranzas de bailadores, pareceres de profesionais da música ou até as historias de xente moza que se inicia neste mundo. Con contos e cantos. Así é como en Punto e Volta documentan a intrahistoria da música e o baile en Galiza.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 273 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]