Voadora estreará en 2021 unha adaptación "transgresora" do 'Othello' de Shakespeare
A compañía dirixida por Marta Pazos prepara esta primavera o seu terceiro espectáculo baseado na obra do dramaturgo inglés, tras Soño dunha noite de verán e A tempestade
Voadora lánzase a polo seu terceiro Shakespeare. Tras levar a escena Soño dunha noite de verán e A tempestade, a compañía galega dirixida por Marta Pazos regresa aos textos clásicos coa preparación da súa particular revisión da traxedia Othello, que se estreará en 2021.
A obra, producida pola propia compañía, contará con Marta Pazos na dirección e dará especial relevancia aos personaxes femininos. Desta forma, o novo traballo de Voadora ofrecerá unha perspectiva na que os personaxes de Desdémona, Emilia e Bianca tornarán en principais, mentres que os papeis de Othello e Iago, un dos grandes viláns de Shakespeare, adoptarán un rol secundario.
“Será un espectáculo transgresor, dotado de intencionalidade e que, tal e como é habitual no noso traballo, contará cun compoñente musical moi importante”, sinala a directora e escenógrafa, finalista dos International Opera Awards coa ópera bufa Je suis narcissiste.
Voadora no sofá
Por outra banda, desde o pasado mes de marzo, e até que finalice o confinamento, Voadora ofrece en aberto os seus espectáculos a través da súa canle de Youtube.
A compañía puxo ao dispor do público Voadora no sofá, unha lista de reprodución que inclúe as gravacións completas de obras como Soño dunha noite de verán (2017), Calypso (2015), A tempestade (2014) ou Don Juan (2015), co obxectivo de achegar as artes escénicas e o traballo de creación e investigación de Voadora ao público.
Como novidade, desde o luns 20 tamén é posible ver en Youtube a obra Garage (2017), unha coprodución de Voadora co MA Scène Nationale de Montebeliard (Francia) sobre o papel da muller é a industria automobilística, e protagonizado por traballadoras de PSA Peugeot-Citröen e outras empresas do sector do motor.