“Vivir hoxe da música é unha carreira de obstáculos”
Cantante e arpista nada en Vigo en 1972, Clara Pino vén de estrear novo proxecto con Pablo Vidal, Nowhere, un disco que demostra a versatilidade da arpa e mestura música con literatura e que conta coa participación de Mila García, Sabela Dacal, Roi Adrio e Rafa Otero. Esta profesora de ensino secundario define a súa como “música de autor e íntima”. “Non vai encamiñada ao fenómeno fan”, advírtenos. Conversamos con ela no Sermos Galiza 243. Eis un extracto da entrevista.
Como foi a xestación de Nowhere?
Tiña moitas gañas de facer un proxecto que vencellase música e literatura e tiña a teima de escribir desde hai tempo, e así como coas cancións non tiña ningún problema, amosar o meu universo literario custábame máis. Hai catro anos empecei a facer unha escolma seria, collendo os textos que consideraba de máis calidade, pulinos moito, a Pablo gustoulle a idea e decidimos sacar un CD con nove pistas musicais e nove pistas de prosa poética. E aí está. O título é algo controvertido. Só hai un tema en inglés. A min encántame a música galega e eu crecín en Vigo nos oitenta. A movida viguesa foi unha efervescencia marabillosa, Golpes Bajos, Siniestro Total... e tamén Los Ronaldos, toda a música inglesa. Eu non podo negar o que son. Non son unha música tradicional. A música tradicional entrou na miña vida de maneira tardía. Eu son máis popera.
Todos os toques de jazz, blues... son cousa de Pablo. Isto foi como un parto, fifty-fifty, está o ADN dos dous. Eu encargueime de letras, voz e arpa, pero toda a parte musical sen Pablo sería imposíbel. Estamos moi contentos os dous co resultado, sabemos que non vai ser un disco de masas, pero fixemos o que quixemos, con todos os riscos que conleva.
Nacín soa, tema do inicio, e Morte lenta, o derradeiro, fechan o círculo dun proxecto en que casan todos os elementos.
Está todo moi ben fiado, non hai nada ao azar. O primeiro texto, que acompaña o primeiro tema, Nacín soa, fai referencia á tradición das nove ondas da Lanzada, e a partir de aí hai unha evolución, vai in crescendo no sentido de que empezamos moi intimamente.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 243, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]