Victorino Pérez leva aos Estados Unidos o seu ensaio sobre ecoloxía e relixión

O escritor, teólogo e filósofo Victorino Pérez no seu estudio. (Foto: Nós Diario)
Orbis Books publica en inglés o estudo ' A Unidade e a harmonía da realidade'.

O teólogo, filósofo, escritor e colaborador de Nós Diario Victorino Pérez Prieto vén de publicar a tradución inglesa dun dos seus ensaios xunto coa editorial estadounidense Orbis Books. Unha tradución que corresponde co seu último libro, no que pon o foco na relación do ser humano coa natureza e na importancia da ecoloxía dentro da teoloxía e do dogma e da crenza cristiá.

A obra A Unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía (Galaxia), do teólogo, filósofo e escritor Victorino Pérez Prieto vén de ser traducida ao inglés e publicada pola prestixiosa editorial Orbis Books. Esta tradución prodúcese, como explica o propio autor a Nós Diario, nun contexto en que os ensaios galegos non adoitan ser traducidos a outras linguas e moito menos á anglosaxoa, "normalmente os norteamericanos e os ingleses é raro que traduzan libros sobre todo de pensamento e teoloxía, como é o meu caso". Esta tradución supón unha proxección da obra de Pérez á literatura universal, unha cuestión que valora moi positivamente posto que lle permitirá "chegar a máis xente". O propio autor analiza que o ensaio galego está moi invisibilizado, non só na literatura universal senón na literatura galega, polo que a súa tradución é moi complexo que se produza. "Na literatura galega estamos moi metidos na nosa cultura, é lóxico que publiquemos pensando en primeiro lugar en nós, pero ao mesmo tempo aquí fanse cousas moi valiosas que teñen unha repercusión universal".

A relación entre a ecoloxía e a relixión

O ensaio de Pérez Prieto ten a súa orixe nun traballo realizado polo autor nunha revista italiana. Serviulle como base para ir desenvolvendo os seus pensamentos pondo o foco especialmente na perspectiva relacionista e na ecoloxía como unha das bases do dogma cristián. A obra parte dunha análise da física cuántica e da física da complexidade, que permite ao autor introducir as análises desenvolvidas polos teólogos e filósofos Raimon Panikkar e Edgar Morrin. Unhas análises que introducen a perspectiva relacionalista de Pérez, pois considera que "todo é relación no universo", un pensamento que, como explica, acostuma quedar fóra da doutrina cristiá.

O punto chave da obra é a relación que o autor estabelece entre a mística ecolóxica e o cristianismo, "a relación entre ecoloxía e espiritualidade mística é evidente, no libro maniféstase con naturalidade e sen conflito", apunta. O autor considera que na actualidade os estudos teolóxicos deben introducir unha perspectiva ecolóxica, ao subliñar que "a teoloxía non ten que partir da especulación sobre Deus, senón da realidade da sociedade". Esta cuestión considera que é o que lle chamou máis a atención aos editores ingleses que impulsaron a tradución da súa obra. Porén, alerta de que, a pesar de que a ecoloxía está moi presente na Biblia e que relixiosos relevantes como o Papa Francisco desenvolveron encíclicas científicas, a teoloxía cristiá "preocupouse moi pouco pola ecoloxía".

Esta non é a primeira obra na que o autor introduce a ecoloxía na teoloxía, posto que xa o fixera en 1997 no seu libro Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo.

A tradución inglesa

Pérez Prieto explica que un dos puntos que lle pareceu máis interesante aos seus editores ingleses é o seu tratamento da relación entre a fe cristiá e a ciencia dunha maneira natural e non conflitiva. Unha relación que cobra unha maior importancia tendo en conta o contexto actual de países como os Estados Unidos, o autor analiza que "nestes momentos hai un conflito pola perspectiva fundamentalista e acientífica que representa Trump, mais hoxe non podemos facer teoloxía sen partir da concepción relacionar". A autora do prólogo da  edición en lingua inglesa, a escritora Ilia Delio, considera que a obra de Pérez Prieto invita a lectora e ao lector "a descubrir unha maior cohesión e solidariedade humana nun planeta con recursos escasos".

A escritora tamén reflexiona no prólogo sobre o momento actual no que é publicada a tradución, marcado polas guerras e a emerxencia do cambio climático. A obra, sinala Delio, "chega nun momento crucial da nosa historia".