A ecoloxía como invitación ao diálogo

Victorino Pérez Prieto avoga no seu último libro, A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía (Galaxia), pola conciliación das loitas emancipatorias e por unha forma holística de comprender a nosa relación coa terra e cos pobos que forman a humanidade.
Victorino Perez Prieto (Foto: Eduardo Castro Ba)
photo_camera Victorino Pérez Prieto. (Foto: Eduardo Castro Ba)

A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía (Galaxia) é un libro tan atípico como o seu autor, Victorino Pérez Prieto. Filósofo e teólogo, estudoso das relacións entre o cristianismo e o galeguismo, do priscilianismo, do ecoloxismo e da interculturalidade -entre outras materias-, a súa máis recente obra elabora unha proposta holística de coñecemento da realidade que, dalgún modo, sintetiza as preocupacións e preguntas da súa prolífica produción. 

"Non é un libro máis sobre ecoloxía, senón que propón unha visión do mundo natural, da materia, na que todo está en relación. O cristianismo subliña moito a natureza transcendente de Deus, mais eu sosteño que Deus, se existe, forzosamente ten que formar parte da realidade", di en conversa con Nós Diario

Malia que o libro contén a perspectiva do teólogo cristián, o seu horizonte é máis amplo e apela á mística, á filosofía e á ciencia para afondar no significado da propia palabra "ecoloxía" que non é senón "solidariedade entre as partes".

"Máis da metade do libro consiste nun diálogo coa realidade. Hai unha antiga broma que definía un teólogo como alguén que responde a preguntas que ninguén se fai [risas]. Eu non quero ser iso, eu pretendo compartir as preocupacións dos homes e as mulleres do século XXI", declara. 

Esa vocación ecuménica leva a Pérez Prieto a elaborar propostas claramente políticas nas que o altermundismo ocupa un papel central. "Algo que sempre tiven claro é que todos os movementos de emancipación están relacionados. Creo que existe un fío que une ecoloxismo, feminismo, antiimperialismo, altermundialismo... No fondo, sempre se trata da aposta por un mundo en harmonía fronte ao mundo disgregado no que vivimos agora. Hai un diálogo posíbel e necesario entre todas esas correntes de contestación que debemos explorar". Manter esas teses e esa aposta pola liberación custoulle ser expulsado do sacerdocio, mais el mantén a súa teima en denunciar "toda mentira. Este é un mundo moi mentireiro". 

Pérez Prieto é un dos grandes estudosos do Priscilianismo na Galiza e sostén que este continúa a ser -loxicamente, transformado- un dos sinais da identidade galega. "Durante séculos, practicamente toda a Igrexa galega foi priscilianista, porque, precisamente, visa a estabelecer relacións que van máis alá do perceptíbel: a unión da natureza co sobrenatural, do material co transcendente, é unha característica do priscilianismo que se axusta moi ben á nosa visión do mundo. Hai unha actualidade en Prisciliano que non a ten a maior parte da Igrexa de hoxe, que segue ancorada en prexuízos do pasado. O igualitarismo que el recoñece nas relacións entre homes e mulleres, por exemplo,  segue a ser unha materia pendente da Igrexa de hoxe. Unha materia que segue empecinada en non aprobar". 

Todo ese "materialismo transcendente" cristaliza no convencemento de que o diálogo entre ciencia e relixión é posíbel. "Por suposto, calquera persoa, crente ou non, ten que situarse no seu tempo: desde a Ilustración, sabemos que un teólogo ten que asumir o que di a ciencia e que un científico debe ter en conta o que di a filosofía. Galileo explicábao cunha frase xenial: eu non digo como se vai o ceo, eu digo como vai o ceo. Temos que reinterpretar os mitos en función da realidade e a Biblia é un conxunto de mitos que deben ser interpretados. E nunca a ciencia nos axudou tanto a interpretar esas explicacións míticas como neste momento". 

A multiplicidade do particular e a unidade do universal

"A verdade é unha, mais os seres humanos só podemos chegar a ela a través da nosa particular perspectiva", di Pérez Prieto durante a conversa, para citar a Teilhard de Chardin: "todo o que afonda, converxe". Esa aposta pola interculturalidade foi a que o levou á defensa da lingua e a cultura galega. "O galego ten que abrirse ao mundo desde a súa identidade. A lingua é unha fiestra para ver o mundo e a súa defensa é a defensa desa 'célula de universalidade' da que falaba a Xeración Nós. 

Comentarios