O Vilablues de Noia retoma a súa vocación internacional

O festival "da música afroamericana" decorrerá do 1 ao 3 de outubro. As entradas para os distintos concertos xa están dispoñíbeis.
Presentación do festival, esta sexta feira, en Noia. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Presentación do festival, esta sexta feira, en Noia. (Foto: Xunta da Galiza)

"Este ano contamos cun cartel fiel á nosa filosofía de tratar de ser a gran cita na Galiza da música afroamericana", explicou o responsábel do Vilablues Fest 2021, Gumer Meijón durante a presentación oficial do evento que decorrerá en Noia do 1 ao 3 de outubro. O certame recupera este ano a súa dimensión máis internacional con estrelas do xénero como o xamaicano Roy Ellis ou os estadounidense Tail Dragger -"posuidor dunha das máis auténticas e destacadas voces do blues de Chicago"- e Shanna Waterstown, definida pola organización como "o tesouro mellor escondido da escena do blues parisina". 

Aliás forman parte da programación a británica Shirley Davis ou o africano JP Bimeni, cualificado como "un músico orixinario de Burundi ao que os medios internacionais sitúan entre o mellor do blues mundial do século XXI" malia non ser tan coñecido polo de agora. Bimeni actuará con The Black Belts. 

Homenaxe á galega para Narf

Haberá, ademais, unha destacada representación musical galega, entre as que sobresaen o concerto Sempre Narf, en homenaxe ao músico compostelán, e as actuacións de Adrián Costa (vello coñecido deste certame musical), Espiño, Mallou, Blues do País ou Jay Doe & The Blue Preachers.

Sobre estes últimos, Meijón indicou no acto decorrido esta sexta feira que representan "o mellorciño do que se está a facer no blues e no soul" actual no país.

Unha actividade adaptada a todos os públicos

Malia que os recitais destinados ao público amante do blues e outros estilos próximas, tamén haberá diversas actividades dirixidas ao público familiar. É o caso, por exemplo, dunha sesión de xenuina música negra desde La Duendeneta a cargo do xornalista e crítico musical Carlos Crespo e K Dj.

A maioría das propostas decorrerán no escenario Fest Galiza, que estará situado no paseo marítimo de Noia. As entradas para os distintos espectáculos do Vilablues poden mercarse xa a través da páxina web www.enterticket.es.

Polo de agora a organización mantén o sistema de parcelas e palcos para 2, 4 ou 8 persoas sentadas, pero contémplase a posibilidade de que haxa público de pé.

Comentarios