Vigo localiza "os retratos máis antigos da ría" nunha colección achada en 2020

Serían as primeiras fotografías da "arqueoloxía subacuática", segundo o Concello. O alcalde, Abel Caballero, presentou co xornalista, Eduardo Rolland, estos restos do patrimonio cultural de Vigo e a súa comarca esta quinta feira. "O verdadeiro significado deste tesouro fotográfico obtense ao cotexar estas fotos coas memorias da expedición de Hippolyte Magen, na que se estrearon adiantos técnicos como as lámpadas eléctricas de iluminación submarina", explicaron.
Unha das imaxes que forma parte da colección presentada esta quinta feira. (Foto: Henri Durand-Brager) #vigo #fotografía #arqueoloxía
photo_camera Unha das imaxes que forma parte da colección presentada esta quinta feira. (Foto: Henri Durand-Brager)

Desde esta quinta feira Vigo pode presumir de ser unha referencia na arqueoloxía submarina. O alcalde, Abel Caballero, que deu a coñecer unha colección de fotografías antigas xunto ao xornalista Eduardo Rolland, explicou que as imaxes “son as primeiras da arqueoloxía subacuática da historia de todo o mundo”. 

Nunha comparecencia no Consistorio, o rexedor e o experto Eduardo Rolland amosaron algunhas das fotografías datadas no ano 1870 nas que se ven algúns detalles do estuario así como diferentes actividades nas ribeiras. 

En declaracións do Goberno local, o que se pode observar nestas instantáneas do pasado olívico son “os mergulladores en acción, imaxes dos galeóns de Rande, os protagonistas da campaña, o barco "Le Vigo" que se encargou das prospeccións… todo iso enmarcado na ría viguesa cunha antigüidade asombrosa, sen comparación até a data na historia fotográfica e que servirá para iniciar novas investigacións”. 

Así, supostamente, serían “os retratos máis antigos da ría de Vigo” e a súa contorna, polo menos até o momento. 

Malia que esta sorte de postais con carácter xa de patrimonio cultural e social teñen bastantes máis de 100 anos, non foi até 2020 cando foron descubertas. 

Estas formaban parte dun lote que saíu a unha poxa sen contar con máis datos para identificar o seu contido ou a propiedade anterior.

Sábese, en todo caso, que a colección terminou cambiando de mans pola oferta do municipio francés de Anger, de onde era orixinario Ernest Bazin, un enxeñeiro ao que se atribúe a invención da campá submarina “que supuxo unha revolución mundial e que foi estreada naquela expedición en Vigo e vemos por primeira vez retratada en imaxes reais”.

Con esa información para facer as pescudas, o Concello de Vigo considera probado que o autor das imaxes foi o pintor Henri Durand-Brager, un persoeiro ao que se considera pioneiro da arte da fotografía. De feito, o que se sabe é que este fora contratado pola expedición de rescate dos galeóns de Rande.

"O verdadeiro significado deste tesouro fotográfico obtense ao cotexar estas fotos coas memorias da expedición de Hippolyte Magen, na que se estrearon adiantos técnicos como as lámpadas eléctricas de iluminación submarina, ou os novos respiradores Rouquayrol para o mergullo, ademais dunha revolucionaria campá submarina, dentro da cal se tomaron varios dos retratos", enumeraron Rolland e Caballero.

Comentarios