Cultura

Verín vibra para irmandar as músicas da Galiza e Portugal

Jacobo Sutil (Agadic), Emi Candal (MUMI Galiza), José Costa (MUMI Portugal), Diego Lourenzo (tenente de alcalde de Verín), Ana Villarino (Deputación de Ourense), Inés Portela (MUMI Galiza) e Emilia Somoza (Concelleira de Cultura de Verín).
O I Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal comeza 12 de marzo

Na mañá de onte presentouse a programación do I Encontro Profesional de Musica Galiza-Portugal (MUMI), que dará comezo na quinta feira 12 de marzo, prolongándose até o sábado. Verín foi o lugar escollido para albergar esta xuntanza, onde tamén tivo lugar o acto de presentación.

Desde a equipa galega do MUMI, Emi Candal expuxo a feira como "unha oportunidade de negocio para os sectores musicais" dos dous países, que contarán a partir de agora "cunha plataforma desde a que construír proxectos conxuntos, trazar alianzas e atopar sinerxías que beneficien e promocionen as músicas de ambos territorios".

Cunha escolma artística e de actividades profesionais coidadosamente meditada, a organización quere ofrecer unha "ampla representación dos distintos estilos" que faga xustiza á produción de ambos países. Satisfeitas coas máis de 300 propostas recibidas, isto é proba, nas súas palabras, da "necesidade que había deste encontro". As inscricións para profesionais continuarán abertas até a propia data do evento.

José Costa, voceiro do MUMI pola parte portuguesa, avanzou que a continuidade do evento está garantida, pois xa se está traballando na localización fronteiriza que acollerá o encontro o próximo ano, coa idea de que se poida celebrar simultaneamente nunha localidade galega e outra portuguesa.

Diversos showcases

Na cuarta feira, as presentacións musicais para profesionais comezarán no Auditorio de Verín coa proposta de Magín Blanco e A Banda das Apertas, que contará con público das escolas de primaria da vila. Logo, o portugués Luca Argel deleitará coa súa samba doce e intimista. Na tarde, a cantautora galega Silvia Penide tomará o escenario.

Na sexta feira, serán os galegos Ezetaerre os que abran a programación co seu rap combativo, escoitado polo alumnado de secundaria. Os Barry White Gone Wrong achegarán unha alternativa de rock, soul e rythm and blues, que irá seguida do jazz de Xacobe Martínez Antelo Trío. A xornada botará o peche nas Bodegas Tapias Mariñán, onde a formación galega Oîma ofrecerá a súa particular aposta en ritmos galegos mesturados cos doutras latitudes.

Tamén para a cidadanía

Candal tamén puxo en valor a vontade do MUMI de abrirse á participación da cidadanía con varios bloques de concertos e actividades. Uxía e o cantor portugués Rui David protagonizan o concerto de apertura, que, dedicado ás músicas urbanas, pasará o neosoul de Nastasia Zürcher e o hip hop de Dios ke te crew coa banda portuguesa Dealema.

Como parte da oferta aberta ao público xeral, durante o MUMI daranse cita propostas moi diversas: o pop nostálxico da banda portuguesa Cassete Pirata, o rock and roll sesenteiro de Familia Caamagno, a electrónica dos vigueses Pálida e dos portugueses Spicy Noodles, o repertorio tradicional dos D’abaixo, a cumbia galega do Sonoro Maxín... Ademais, o sábado presentaranse os libros Magin Blanco, o camiño da luz, con Carlos Rego, e Guadi Galego. Pola beira da canción, con Pepe Cunha. Ás 12 horas terá lugar o Encontro de música tradicional de Galiza e Portugal.

Unha oportunidade para tecer rede

Dentro da programación profesional, a feira propón espazos no Auditorio de Verín repartidos en distintos bloques ao longo das xornadas da quinta e sexta feira, destinados a que artistas e profesionais dos eidos do booking, o management, ou os espazos de programación teñan a oportunidade de marcar encontros rápidos para se coñeceren e intercambiar propostas.

Tamén se desenvolverán palestras arredor de temas de interese para o sector musical. Festivais: Creando experiencias arredor da música, Diferentes fórmulas de apoio á música, O asociacionismo na xestión musical ou o Financiamento público á produción musical son algúns dos temas nos que o encontro porá o foco. Ademais, haberá unha panorámica sobre a posibilidade de tecer redes entre salas de concertos.