Máis

Verán a ritmo de jazz e blues

Nos meses de verán teñen lugar na Galiza algún dos festivais de jazz e blues máis importantes. Miles de amantes da música reúnense nestas datas para aproveitar a oportunidade que ofrecen estes ciclos musicais de desfrutar de concertos de artistas nacionais e internacionais.
Ames jazz
photo_camera Diego Alonso 5TET actuando no auditorio da Casa da Cultura de Ames o pasado 7 de xullo. (Foto: Concello de Ames)

Este verán o son dos pianos, saxofóns, trompetas, clarinetes e contrabaixos, característicos do jazz, volverá conquistar as rúas desde o sur até o norte do país. 
Durante xullo e agosto os festivais de jazz e blues reúnen na Galiza miles de persoas que demandan este tipo de xéneros. Algúns dos múltiples festivais dedicados a esta música como NigránJazz, +QJazz, Jazz ao Norte, Jazz de Ría, Armenteira Jazz e o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra serán un punto de encontro para os  amantes da música que buscan desfrutar dos mellores temas nesas xornadas.

+QJazz na Coruña

O ciclo de +QJazz na Coruña celebra desde antonte e até o 15 de xullo a súa IX edición. Este evento, no que colabora o propio Concello, decorre en diferentes localizacións. Esta cuarta feira Steve Turre actúa no popular Garufa Club.

Un día despois actuará o trío Michael Olivera no emblemático club Jazz Filloa situado no centro da cidade herculina. Ao día seguinte, a quenda será de Red House Revival, que dará o seu concerto en Mardi Gras. E na última xornada, o sábado 15, Garufa Blue Devils Big Band encargarase de pór o broche final ao festival coa súa actuación no Garufa Club.

Jazz ao Norte en Ferrol

En Ferrol, ten lugar estes días outro festival, o Jazz ao Norte, que abrangue diferentes xéneros musicais desde o jazz até o soul, pasando pola bossa nova. Na súa III edición, volve ter lugar no Castelo de San Filipe, un enclave estratéxico que se construíu no século XVI co obxectivo de gardar a ría dos ataques das naves inglesas que intentaban penetrar na costa galega para saquear as vilas máis próximas.

Así, nestas murallas defensivas, desde hoxe até o 15 de xullo, os ferroláns e mais aqueles amantes do jazz que decidan achegarse á cidade, poderán desfrutar de artistas de talle internacional, como é o caso da cantante e compositora francesa de orixe senegalesa Awa Ly, que xa conta con tres álbums de estudo na súa discografía; e tamén de figuras nacionais como a violoncelista viguesa Margarida Mariño, que publicou o seu primeiro traballo en solitario 'Cello&Electronics' no ano 2020.

Jazz de Ría en Ferrolterra

Aínda en Ferrolterra, os melómanos tamén dispoñen doutras opcións, como o Jazz de Ría, que celebra entre o 18 e o 21 de agosto de 2023 a súa VII edición en catro concellos desta comarca: Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño. Nas súas catro primeiras edicións, o festival celebrouse en Ferrol e Mugardos. 

En 2021 trasladouse a Narón e Neda, unha nova aposta que lle reportou o prestixioso galardón Organistrum nos Premios Martín Códax da Música, destacando o bo desempeño da organización en materia laboral, sostibilidade e igualdade. En 2022 o Concello de Cedeira uniuse aos Concellos de Narón e Neda. Neste 2023, o Jazz de Ría reforza notabelmente a súa implantación  incorporando o Concello veciño de Valdoviño, situando a costa Ártabra nun lugar privilexiado no extenso mapa dos festivais de jazz que decorren na Galiza ao longo do ano.

O Nigránjazz

Entre os días 28 e 29 de xullo decorrerá o festival de Jazz de Nigrán (comarca de Vigo). Os concertos desenvolveranse no auditorio da Foz do Miñor, que recibirá a Sunil López Trío, Simone Basile Quintet, Miguel Seoane Trío e Steve Cardenas. Ese mesmo edificio tamén acollerá dúas 'Jam Session', concepto acuñado por George Frazier para designar “unha reunión informal de músicos de jazz, que tocan unha música non escrita nin ensaiada”. No auditorio do concello, Steve Cardenas impartirá unha 'masterclass' o sábado 29.

Armenteira Jazz en Meis

A VIII edición do festival Armenteira Jazz terá lugar na praza de Vilar, a escasos metros do Mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis (O Salnés). O comezo do evento, que previsibelmente atraerá centos de seguidores do jazz durante os días 14,15 e 16 de xullo, correrá a cargo de Jens Larsen Quartet, un perfil de carácter internacional que estará acompañado por tres músicos galegos: Fernando Sánchez, Pablo Patiño e David Puime. Tomarán o relevo Standard Zones Trio, formado por Manu Méndez (guitarrista), Alberto Rial (contrabaixista) e Juan Guerrero (batería) ás 23.30 horas.

O sábado debutarán o octeto Castaño/Pin Jazz Ensemble  interpretando temas propios, e adaptacións. Continuará Daniel Corral Trío, orixinario da Brassatlantic, que fechará o festival o 16 de xullo ás 12.30 horas.

Festival de Pontevedra

A XXIX edición do Festival Internacional de Jazz e Blues reunirá na Praza da Ferraría de Pontevedra desde o 7 até o 11 de agosto artistas como Carolyn Wonderland, Acantha Lang, Vanessa Collier, Pablo Patiño 'Flor' e Mr. River 'Night Court'. 
Tamén se poderá desfrutar destes xéneros nas rúas da cidade do Lérez da man de Street Band Chivinjazz, que actuarán todos etes días.

Mar de Blues na Guarda

A Guarda (Baixo Miño) converteuse nesta fin de semana en capital do Blues coa celebración da III edición do festival Mar de Blues que acolleu diferentes bandas e grupos, algúns deles internacionais como é o caso de Tommy Castro&The Painkiller.

Burgojazz en Culleredo

Desde o 30 de xuño até o 3 de xullo o público puido deleitarse no Burgojazz con actuacións como a de Simón García Quartet, Puzzle Cabinet ou Potato Head Jazz Band, entre outros. Esta última banda está especializada en Hot Jazz tradicional, un subxénero que se caracteriza polo seu ritmo particularmente animado. O evento decorreu na contorna do Xardín Botánico de Culleredo (comarca da Coruña). 

Ames Jazz

O Ames Jazz culminou nesta fin de semana e contou coa participación de artistas como Diego Alonso 5NTET, un grupo de jazz liderado polo saxofonista e compositor vigués que dá nome ao mesmo, e o trío Alejandro Varga, banda conformada polo pianista que dá nome ao grupo, acompañado de Pablo Sanmamed no contrabaixo e do músico Sergio Gonzales.

Comentarios