Saen á luz dous inéditos de Manuel Antonio nun novo volume sobre a súa obra

O poeta rianxeiro Manuel Antonio.
O académico Xosé Luís Axeitos debulla a escrita manuelantoniana en 'Aproximacións a Manoel Antonio' (Axóuxere Editora), un volume que saca á luz dous inéditos do poeta rianxeiro. 

Case trescentas páxinas hai en Aproximacións a Manoel Antonio, un obra na que Xosé Luís Axeitos, académico e escritor rianxeiro, biógrafo e un dos maiores coñecedores da creación de Manuel Antonio, se achega á obra deste persoeiro “de maneira lixeiramente distinta a como adoito se fixo”. 

Ao coidado de Axóuxere EditoraEditora, coa colaboración do Concello de Rianxo, nomeadamente a través da Casa Museo Manuel Antonio, o volume xunta diversos artigos de corte ensaístico que nos mergullan aos lectores na escrita manoelantoniana mediante "unha indagación arredor da dimensión cognoscitiva implícita na súa (meta)poética, un estudo da visión dialogal como proceso de aprendizaxe fraterna e teórica ou a análise da presenza de ideas filosóficas e científicas no subtexto das súas obras", entre outras cuestións. 

Dous inéditos de Manuel Antonio

Alén do máis, o volume que vén de tirar do prelo Axeitos trae consigo, ao carón doutros seis capítulos e como colofón, unha sorpresa maior, e é que conta con dous inéditos do poeta. Trátase de "Senectud, divino tesoro" e "Nótulas". O primeiro deles, "un texto cargado de ironía, mentres que as "Nótulas" "puideran ser a vontade do adolescente que quere afianzar os seus principios identitarios acreditados pola nosa lingua", tal e como describe o académico no volume. 

No prólogo do ensaio, Xosé Luís Axeitos afirma que “Aproximacións a Manoel Antonio quere ser unha lectura que trata de dar sentido aos símbolos que emprega Manoel Antonio na súa obra. Tarefa nada doada”.

Axeitos afirma que “Aproximacións a Manoel Antonio quere ser unha lectura que trata de dar sentido aos símbolos que emprega Manoel Antonio na súa obra

A poesía de Manoel Antonio esixe a relectura entre outras razóns porque 10 os seus poemas ofrécense, como case toda a poesía auténtica, con amplas zonas de sombra que, malia non impedir a súa comprensión, sementan dúbidas e incógnitas no lector”, explica o académico de Asados no prólogo a Aproximacións.

“En definitiva", continúa, "as «aproximacións» seguen a evocar a actitude das persoas que establecen unha relación de cordialidade e ao mesmo tempo expresan a prudencia que sempre xeran os debates e a diversidade de perspectivas”.

Desde a editora tamén destacan como unha das características máis transcendentes do traballo do autor de De catro a catro a deriva da "reflexión que proxecta, desde a escrita, sobre o acto creativo e as dificultades de construír un texto espacializado e ao mesmo tempo un espazo textualizado". Todas cuestións que se ven reflexadas na súa produción poética, "reveladoras" para "deconstruír a súa obra".