De catro a catro, 90 anos de travesía do silencio

Captura de pantalla (46)
photo_camera Manuel Antonio

Seica na Galiza sabemos das novidades que se dan no mundo, especialmente no literario, antes que en ningunha outra parte. Ou polo menos iso é o que pensa Augusto María Casas ao facer a crítica, en maio de 1928, para El Pueblo Gallego do libro De Catro a Catro, saído do prelo o 27 de marzo. 

El Pueblo Gallego, o que máis espazo dedicou a Manuel Antonio, fai a crónica dous meses máis tarde, recoñecendo a obra como plenamente vangardista. No mesmo periódico aparece en novembro un artigo longo, asinado por A. Vilar Ponte, titulado Los progresos de nuestra lírica, en que De catro a catro volta ser o elemento central da análise. 

Seguiron El Pueblo Gallego outros periódicos. El Correo de Galicia, en crónica de Blanco Torres, saúda “a incorporación definitiva das novas correntes literarias” á literatura galega. Mesmo o madrileño El Sol, da man de Díaz Fernández, “crítico castellano de los más cultos y exigentes de España” se fai eco do libro de Manuel Antonio.

Captura de pantalla (47)​Con todo, para Xosé Luís Axeitos, na máis recente das biografías de Manuel Antonio, “a recepción e a crítica da obra de Manuel Antonio non estivo á altura da poesía e do esforzo creador” do autor, seguramente por pesar na súa contra a controversia derivada da publicación do manifesto Máis Alá, coasinado por Álvaro Cebreiro, apoiado por Antón Vilar Ponte e fortemente criticado polos “vellos” da Coruña e Ourense.

A pesar das críticas positivas de Augusto María Casas e Blanco Torres, citadas máis arriba, o certo é que os receos e as reticencias que provocou o manifesto publicado en 1922, influíron negativamente na acollida do poemario De catro a catro.

Á súa morte, 1930, Augusto María Casas laméntase da incomprensión e indiferenza con que os “directores” do renacemento galego contemporáneo acollen a poesía manuelantoniana e El Compostelano escribe: “se fué Manuel Antonio a la gran travesía del silencio”. Será que estas palabras se referen a esa posición de indiferenza e silenciamento “dos vellos” fronte ao posicionamento literario, e tamén político, de Manuel Antonio? Ou será que anticipan a grande travesía do silencio que comezou, para Galiza, apenas seis anos despois coa sublevación fascista e os masacres de agosto do 36?
 

Comentarios