Vargas Llosa pon o Nobel a Dylan como exemplo da “banalización da cultura”

O autor de La tía julia y el escribidor defende que a cultura “implica selección e unha elite”. No topo desa cimeira non ve sitio para alguén como Bob Dylan, ao que cualifica, si, de “gran cantor”.

dylan
photo_camera dylan

A alta cultura só pode ser practicada por unha elite, dada a “grande complexidade que entraña”, afirma o escritor peruano nacionalizado español. Estamos, xulga, en tempos “marcados polo espectáculo en todas as actividades, tamén na cultura e na política”. Tempos de “frivolización e banalización”, como exemplificaría a concesión do Nobel ao cantor norteamericano Bob Dylan (Duluth, Minnesota, 1941).

Vargas Llosa gañou o Nobel de Literatura en 2010 e está claro que non gosta da inclusión do autor de Like a Rolling Stone en clube tan selecto. 

“A quen llo darán o próximo ano? A un futbolista?”, perguntouse Vargas Llosa, a dar así por suposto que a literatura é planta tan delicada que non pode medrar nos pentagramas.

Mais, realmente Dylan quer franquear as portas de salón tan aristocrático? Non parece claro. Durante unhas horas, o seu web si que tomou nota da concesión do premio. Fíxoo de forma tanxencial, ilustrando co título “gañador do Premio Nobel de LIteratura” unha noticia en que se dá conta do aparecimento de Lyrics 1961-2012, un volume no que se recollen as letras do músico. Foi unha presenza efémera, bastou que o asunto rulase pola rede para alguén -Dylan? o seu community manager?- dar a orde de retirar a alusión da páxina.

Dylan continúa a alimentar o suspense. Emulará Jean Paul Sartre e renunciará ao premio?

Comentarios