CONTRACULTURA

Vanesa Iglesias Casal: "Parece que se vendes en Madrid tes máis recoñecemento que se só vendes na Galiza"

Vanesa Iglesias Casal decidiu emprender o seu negocio de enmarcación artesá en Casal de Creación. (Foto: Nuri Villa)
Vanesa Iglesias Casal, artesá da enmarcación en Casal de Creación, na Estrada

Vanesa Iglesias Casal é unha artesá da enmarcación e da conservación que despois de obter experiencia laboral en galerías de arte, decidiu emprender na Galiza creando o seu propio taller, na vila da Estrada (Terra de Montes), baixo o apelido do seu avó, carpinteiro que lle transmitiu o amor pola madeira. 

Por que opta pola enmarcación artesá e personalizada? 

Ao traballar en madeira crúa teño a posibilidade de personalizar moito os marcos, todos eles pintados e cos acabados realizados a man. Iso é imposíbel de facer nun traballo seriado, ou estaría moi condicionado se utilizase molduras que xa tivesen os seus propios acabados. Desta maneira, eu podo adaptar o marco á obra que contén. 

Por outra parte, eu quería traballar con calidades, xa que creo que é o que nos diferencia as artesás da enmarcación seriada e barata que se pode atopar nas multinacionais. Eu quería afastarme dese mundo, porque xa traballei nel e é algo que detesto. Tamén é certo que intentamos facer unha enmarcación moi democrática, porque hoxe véndese moita ilustración. De feito, é co que máis traballo eu. 

Ao final, son reproducións que poden chegar a custar un máximo de 20 euros e non tería ningún sentido facer un marco de 60 euros. Por iso tamén opto pola madeira crúa, porque é a máis económica. Así, adaptándome aos petos tamén quero contribuír a que calquera teña a oportunidade de apoiar a arte galega na súa casa sen ter que gastar moitos cartos. 

Por iso tamén dá tantos detalles sobre os materiais que utiliza nos seus produtos?

Exacto. Como consumidora a min gústame saber que é o que estou mercando, onde estou investindo os meus cartos, e esa información debe estar accesíbel a todas as persoas. Ademais, o tipo de enmarcación que facemos no taller é de conservación, que ten unha calidade superior á estándar e garante a preservación da peza no tempo e que a poidas recuperar intacta se decides desmontar o marco nalgún momento. Tamén leva vidros de museo, por exemplo, para protexer as obras dos raios solares. Isto é o que distingue as enmarcacións de calidade e por iso queremos que a xente teña toda a información. 

Por outra parte, nós traballamos con quilómetro cero: a moldura vén dunha empresa familiar de Valencia, mais o resto de materiais cos que traballamos veñen de compañeiros da Estrada, Santiago, Ourense ou arredores. Para nós é moi importante. Por iso tamén traballamos moito con ilustradoras como Lara Torres ou Lidia Cao, ou persoas do mundo da fotografía. 

Desde que abrín a tenda taller ao público, unha máxima miña é que, aínda que teño algunhas pezas de amizades doutros lugares, o 95% da arte que está exposta sexa galega. Tratei de pór enriba da mesa o valor da nosa cultura, porque despois de vir de Londres, unha cidade na que hai unha explosión de arte e creación, e chegar aquí, dinme de conta de que os nosos propios produtos e artistas están moi infravalorados. Galiza está a un nivel altísimo de creación, non temos nada que envexar. 

Hai moito prexuízo acerca de traballar exclusivamente para a terra. Moitas persoas a primeira pregunta que me fan é se vendo para fóra. Parece que se vendes en Madrid tes o recoñecemento. E a verdade é que non, só vendo aquí e en realidade teño máis traballo do que dou feito. 

Marcoulle moito esa volta á Galiza?

Si, de feito Casal de Creación naceu en Londres. Eu vivía e traballaba alí no departamento de enmarcación dunha galería. Comecei a ver que a nivel creativo tiña moitísimas posibilidades e un Nadal que volvín aquí vin que un fotógrafo na Coruña se desfacía das máquinas. Despois de tres anos alí, merqueinas e en tres días estaba de volta na Galiza abrindo un taller na aldea. 

Eu botaba moito de menos o meu avó, pasar tempo con el e escoitalo, porque ao final o tema da madeira vénme del e eu tiña uns recordos moi amábeis e bonitos. 

Por suposto, tamén botaba de menos o resto da miña familia e a lingua galega. Por outra parte, vivir nunha cidade tan grande como Londres é un desgaste, e marcoume tanto que foi chegar aquí e meterme nunha aldea.