A V Xornada de Historia porá o foco na figura de Castelao
O edil de Cultura e Memoria no Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, e Isolina Couso, representante da CIG-Ensino, presentaron esta segunda feira a V Xornada da Historia, organizada pola CIG. A cidade acollerá por primeira vez este evento, que ten sede habitual en Compostela, o vindeiro sábado 22 de novembro na Sala Multiúsos.
Gómez explicou que "continuamos co Ano Castelao, esta vez da man da CIG e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) que celebraran a súa V Xornada da Historia, este ano centrou o seus traballos na figura de Castelao. Unha xornada que vai dar unha visión ampla da figura de Castelao, tratada desde diferentes ámbitos e dunha maneira moi orixinal".
O edil lembrou que está solicitada unha homologación oficial das xornadas á Consellaría de Educación por oito horas, co obxectivo de que a asistentes ao 85% da totalidade das actividades poidan obter un certificado de educativo. Aliás, explicou que as xornadas contan cunha capacidade de 70 prazas.
A xornada abrirá cunha sesión maxistral da man de Xesús Ron, 'A derradeira leición do mestre', achegando o proceso de creación de Chévere na obra de teatro que están preparando, na que usan como fío condutor o cadro de Castelao para contar como se constrúen as narrativas da memoria.
A xornalista e docente María Obelleiro, directora editorial de Nós Diario, entrevistará a Tareixa Navaza, nunha conversa na que ambas analizarán o traslado dos restos de Castelao a Bonaval, posto que Navaza puxo voz a este acontecemento con valentía e lealdade coa memoria do nacionalista nunha retransmisión que forma parte xa da historia do xornalismo.
Na sesión da tarde, Inacio Vilariño presentará os albumes Castelao en Banda Deseñada, historia biográfica de Castelo, unha banda deseñada para quen puxo as bases deste subxénero literario. A obra pretende servir de homenaxe a Castelao, afondando en determinados aspectos da súa biografía.
A Pontevedra de Castelao
O historiador Roberto Rivas Reboredo explicará nun roteiro, que percorrerá Pontevedra, a relación de Castelo coa cidade na que viviu e pola que el mesmo manifestou un especial apego. Unha das paradas será o Museo da cidade, que recolle boa parte do seu legado.