A Facultade de Xeografía e Historia da USC amosa o seu desacordo coas modificacións da Lei de Patrimonio da Galiza
A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) amosou esta quinta feira o seu desacordo coa proposta da Xunta da Galiza das modificacións introducidas na Lei do Patrimonio Cultural da Galiza. Unha proposta que, segundo informaron desde a universidade, delega nos Concellos a autorización de intervencións en bens catalogados con protección estrutural ou ambiental, eliminando así a preceptiva autorización previa da Consellaría de Cultura. Desde a Facultade consideraron que esta medida, introducida concretamente no Capítulo IX do Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas agora en tramitación, "supón un grave risco para a conservación do noso patrimonio cultural"
Entre as razóns expostas pola USC, para alegar o seu rexeitamento á Lei, está o que consideraron unha "falta" de criterios uniformes e dun catálogo actualizado. A Facultade informou que Galiza carece dun catálogo unificado de bens patrimoniais, polo que como alertaron "abre a porta á discrecionalidade na protección e pode xerar unha potencial desigualdade no territorio". Aliás, afirmaron de que a maioría das entidades locais non dispoñen de equipos especializados con formación suficiente para avaliar intervencións sobre bens culturais de maneira experta.
A USC considerou que as modificacións provocaran un "impacto negativo sobre os bens catalogados pola Xunta como nos Patrimonios da Humanidade. Un impacto que, como subliñaron desde a Facultade, se verá agravado pola introdución de parques eólicos ou iniciativas industriais con alto impacto ambiental, así como a autorización de cámpings e aparcadoiros que supoñen unha alteración significativa dos valores paisaxísticos e culturais das contornas de protección e zonas de amortecemento.
A USC engadiu que a nova normativa elimina tamén a "supervisión técnica da Dirección Xeral de Patrimonio. Por último, afirmaron que "unha reforma de tanto calado nunha lei de patrimonio que non conta con unha década de vida debería ser obxecto dun tratamento individualizado e non baixo o paraugas da tramitación dun proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas". Motivo polo que desde a Facultade instaron á Xunta a reconsiderar a reforma e abrir un diálogo coas institucións académicas.
