Un total de 263 achegas para honrar Isaac Díaz Pardo

Obra de José Luís Rial Varela para 'Unha manda de pezas para Isaac'

Con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, o colectivo Alento Esbravexo creou a iniciativa 'Unha manda de pezas para Isaac', que concluíu esta cuarta feira, 7 de abril, sumando 263 obras de profesionais e de amateurs de diferentes ámbitos chegados de distintas partes do mundo.

Para darlle unha maior visualización á “figura poliédrica dun dos artistas e empresarios galegos máis significativos do século XX” o colectivo Alento Esbravexo, formado por Pilar Sampedro, Maka Arca, Ana de Vilatuxe, Eva Liñeira, David Otero, Martiño Picallo e Héitor Picallo, lanzou o pasado ano a iniciativa "Unha manda de pezas para Isaac". "Todos os membros do grupo sentimos admiración por el, non só desde a faceta de creador de empresas cerámicas ou desde o seu punto de vista artístico, senón tamén por formar parte dun grupo de persoas que alentaron ‘de xeito esbravexo’ canto proxecto houber para dignificar a memoria da Galiza”, informa Héitor Picallo en conversa con Nós Diario.

Cadrando co centenario do seu nacemento, o ano pasado, este colectivo botou a andar "a idea de participación cidadá" na que ten recibido mandas individuais, colectivas, de asociacións e fundacións, de grupos de persoas e grupos empresariais, de artistas da plástica, pintoras, escultoras, fotógrafas, ilustradoras, arquitectas e da música de diversos estilos. “Contamos con non menos de 263 pezas, polo que concluímos a publicación de todas nesta quinta feira", sinala Picallo. 

O activista fai mención ao blog que a iniciativa ten na rede, onde desde o 20 de xullo de 2020 “lanzamos á luz cada manda de xeito diario e ininterrompido”, apunta Picallo. Entre os centos de persoas que fixeron parte desta iniciativa, o colectivo destaca a participación do fillo do Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz. “Iso sen descartar un número ben significativo de persoas do común que non quixeron desaproveitar o momento e gostaron de honrar a quen antes nos honrou co seu esforzo e coas súas creacións”, comenta Picallo. 

As pezas chegaron non só desde diversos puntos da Galiza, “senón tamén desde Madrid, Catalunya, Bélxica, Polonia e mesmo Australia, Cuba, Xapón e Nova Zelandia”. "Se contamos unha manda elaborada por un membro da União dos Escritores de Angola, houbo representación de todos os continentes”, apunta o membro da asociación.

Desde Alento Esbravexo destacan que “todas as pezas emocionan, unhas desde a sinxeleza e o agarimo que se lle ten a un ‘bo e xeneroso’ e outras desde a excelencia literaria ou plástica”. Tamén existen obras realizadas por “escritoras e escritores de moitísimo prestixio nacional e internacional, artistas con proxección en Europa e América e outros representantes de institucións do mundo das artes plásticas e colectivos artísticos de verdadeira importancia". Por todas estas achegas, a entidade estuda crear algún tipo de proxecto, como un libro ou unha exposición. "Polo menos hai que tentalo, pois as persoas participantes así o merecen e cómpre deixar testemuño desta iniciativa cidadá, por Isaac Díaz Pardo e por todas aquelas persoas que destinaron a súa vida a unha causa: Galiza”, asevera Picallo.

Alento Esbravexo destaca do pintor “o seu labor filantrópico, a súa bonhomía e xenerosidade”. Ademais, Díaz Pardo e Luís Seoane “materializaron unha multitude de proxectos e institucións das que todas e todos nos sentíamos fachendosos, como o Laboratorio das Formas e Cerámicas do Castro, entre outras”. "Cada un dos ‘produtos’ xurdidos estaba ateigado de contido sobre a recuperación da memoria nacional galega, da historia do país, da iconografía que xa viña desde a época celta. Por iso falar de Isaac é falar de xustiza, dignidade, esforzo, traballo, altruísmo e, como non, defensa da democracia”, conclúe Picallo.

Da mecánica ao téxtil

Entre a diversidade das 263 pezas atópanse as realizadas con materiais aos que se lles “asigna unha nova vida”. José Luís Rial Varela, nado en Compostela, é un mecánico automobilista de profesión que en tempos de lecer compón pezas dignas de aplauso. Con aceiro, latón e restos varios, así como co que parece unha engrenaxe, foi quen de erguer unha árbore en cuxas pólas repousan dous paxaros."Un observa todo estarricado o outro, que fica nun niño de láminas e abrazadeiras mentres incuba o futuro da especie. A súa ollada, entre torcas de aceiro, vese clara. Busca a vida, a beleza, a tenrura e unha mensaxe de respecto ao medio natural", destaca o colectivo.

Outra das mandas recibidas para homenaxear Díaz Pardo foi a bandoleira realizada por Pepa Dios. A autora desta peza dedícase profesionalmente ao mundo téxtil e fai entrega deste complemento confeccionado en "cores brillantes, con moita luz e cuxo fecho é unha peza de Sargadelos". Alén, no bico do bolso, nas proximidades dun corazón celeste e doutro carnal, pendura un amuleto da mesma fábrica, concretamente un larpán, para escorrentar as persoas que "buscan anoxarnos".