O CCG incorpora tamén a entrada de Díaz Valiño

Díaz Pardo no Álbum de Galiza aos nove anos do seu pasamento

O Consello da Cultura Galega (CCG) amplía as súas publicacións referidas ao artista plástico, Isaac Díaz Pardo, con motivo do noveno aniversario do seu falecemento, o día 5 de xaneiro do ano 2012.
isaac
photo_camera Isaac Díaz Pardo. (Foto: Nós Diario)

Segundo informou a institución cultural nun comunicado remitido aos medios, por unha banda incorporouse a súa entrada no Álbum de Galiza e, ademais, puxéronse na rede varias entrevistas nas que se dá conta do pensamento deste intelectual e emprendedor. 

O Consello quixo lembrar, no cabodano do pasamento de Díaz Pardo que “foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entender o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos”.

A súa biografía, elaborada por Xosé Ramón Fandiño e presentada a pasada segunda feira no Concello de Santiago, pode consultarse desde esta terza feira no Álbum de Galiza. Xunto á súa entrada no portal web, incorpórase tamén a do seu pai, Camilo Díaz Baliño, que foi escenógrafo, escritor e artista plástico, ademais dunha figura  de referencia nos movementos políticos galeguistas anteriores á Guerra Civil.

O CCG tamén quixo aproveitar a efeméride para pór en rede novos recursos sonoros, concretamente tres entrevistas procedentes dos fondos do Arquivo Sonoro de Galiza que o propio Isaac Díaz Pardo concedeu entre 1980 e 1992. Nelas, o intelectual galeguista fala da súa visión das exposicións, da súa relación co pintor e colaborador  Luís Seoane e da investigación científica levada a cabo na factoría de Sargadelos.

Centenario do nacemento

O pasado 22 de agosto de 2020 cumpríronse cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Con motivo desta celebración, o Consello da Cultura elaborou unha web especial na que puxo en rede o epistolario que o empresario cruzara co seu socio Luís Seoane.

Tratábase da primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saen á luz, xa que as de Seoane xa foran publicadas en 2004 por Ediciós do Castro.

O epistolario presentouse cun prólogo contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, e tamén con catro reportaxes elaboradas desde o portal de divulgación cultural www.culturagalega.gal.

Comentarios