'A Torre de Babel': cincuenta anos con nós
É a crónica do capitulo galego do 1968 madrileño. A Torre de Babel, novela de Lois Diéguez publicada pola editorial Galaxia na súa colección Illa Nova,apareceu fai cincuenta anos e está esquecida pola crítica e descoñecida por unha boa parte do público lector galego. Ao fin, o seu 50 aniversario é unha ocasión tan boa como calquera outra, para achegarnos a un clásico das nosas letras ao que sempre é necesario volver.
Estamos diante do romance xeracional dunha mocidade galega que atopa e recoñece o seu país naquel Madrid español e franquista da década dos sesenta. Emparentada cunha intención tan cara polos autores da xeración do 16 e moi particularmente polo Ramón Otero Pedraio do Arredor de Si e de Devalar, Lois Diéguez debrúzase na epopea daquelas mozas e mozas empeñados en seguir as pegadas dos camiños que primeiro andou Adrián Solovio e despois Martiño Dumbría. Ao fin, A Torre de Babel é o relato daqueles que formaron no seminario de cultura galega do Club de Amigos da Unesco, unha das asociacións culturais máis numerosas e activas, que articularon, canda algúns estudantes vascos, un dos feitos máis orixinais do noso movemento estudantil, o Comité das Nacionalidades, que pasaron pola cadea por pegar polas nosas rúas a lenda Libertade pra Galicia, que participaron no primeira Día da Patria Galega após o golpe de estado de 1936 e que volveron a Galiza e impulsaron o nacimento de organizacións políticas e sindicatos.
Significa o nacemento como narrador dunha das figuras referenciais do noso sistema literario. A Torre de Babel, un romance iniciático dun escritor de vinte e cinco anos que xa tiña dado ao prelo dous poemarios, adianta o autor audaz que denuncia os totalitarismos e que anticipa temas tan caros para o autor —e tamén para futuras xeracións— como o antimilitarismo, que logo abordaría en Galou Z-28 (Xistral, 1976); tenmas que tamén tocará nas súas obras de madurez, sempre tan ben traballadas e ás veces inxustamente valoradas. Eis está A canción do vagamundo (Sotelo Blanco, 1987), novela escrita após un longo silencio obrigado pola súa intensa militancia política, onde se retrata aquela sociedade derrotada após o trunfo da restauración borbónica. E sen esquecermos Monólogos no espello (Laiovento, 1992), Tres sombras góticas e unha rosa (Espiral Maior, 1995) ou Henriqueta na galería (Edicións do Cumio, 1997), onde repara na Galiza dos noventa, metade esperanza, metade derrota. E tamén os libros de viaxes por Lemos ou Siria, a morte do noso rural, o poemario Ónfalos (Espiral Maior, 2001), na lembranza daquelas días terríbeis no Xistral e sempre a vontade dun autor que non renuncia a tomar o pulso ao País.
Hai moitas razóns para ler A Torre de Babel. A comezar para gozar dunha obra literaria ben armada máis de fácil lectura, a seguir para achegarnos á loita do pobo galego contra o franquismo pero tamén para acompañar Daniel, máis que o autor o eu colectivo da súa xeración, na súa particular viaxe de descuberta do país.