Toñyto (Los Jinetes del Trópico): "Queremos que a xente tome o disco como seu e que o goce, o baile e acuda aos concertos"
Antonio García 'Toñyto', voz, guitarra e trombón de Los Jinetes del Trópico presenta, após a intensa vaga de temporais, o novo disco da banda, titulado A calor é un dereito.
— A calor é un dereito é un disco moi fresco, cun son tropical, por que publicalo en pleno inverno?
A calor é un dereito xorde precisamente polos temporais. Estabamos gravando o disco, non tiñamos nome e non paraba de chover, é algo tan sinxelo como iso. Levabamos 20 días encerrados gravando e non paraba de chover e nos preguntabamos “por que non vai sol?”, así chegamos ao lema de “a calor debería ser un dereito”. Ademais para nós ten un dobre sentido, porque vemos a calor como unha maneira de gozar, de chegar ao trópico en que nós vivimos mentalmente sempre, fixémolo pensando tamén neses festivais nos que vai calor e estás sempre bailando.
— Cales foron as súas principais influencias á hora de crear o disco?
Temos unhas influencias moi claras que son o merengue e a cumbia clásicas, sobre todo ese xénero de cumbias que lle chaman “son amazónico”. Inflúennos moito bandas clásicas como Los Mirlos e tamén grupos da cumbia villera arxentina, como Damas Gratis. Obviamente o merengue vennos a todos dunha base fundamental que é Juan Luis Guerra, a el non o tratamos de imitar nunca, porque para nós é o creador e o deus todo poderoso do merengue. A isto nós logo dámoslle o toque persoal. O noso guitarrista é venezolano e achega ese flow latino. Os outros dous membros somos galegos e metémoslle o que fomos aprendendo musicalmente e o idioma, porque cantamos case sempre en galego.
— Como conecta a cumbia coa tradición galega?
Técnica e formalmente o ritmo base da cumbia é exactamente o mesmo que o da muiñeira: a muiñeira é un tresillo de corcheas cun puntiño na primeira, a cumbia non ten ese puntiño, é un tresillo de corcheas constante. Nós fixemos en 2019 unha cumbia coas Tanxugueiras, estabamos tocando a pandeireta xuntos e nunha confusión démonos conta disto, gustounos e metémoslle o bombo. Podemos dicir que esta conexión naceu dun erro.
— Que concertos teñen preparados para o novo disco?
Temos varios, agora, en febreiro e principios de marzo, estamos en plena temporada de contratación, mais temos pensados bolos por toda Galiza.
— Que acollida está tendo o traballo polo de agora?
Estamos encantados porque o disco saíu hai unha semana e en Spotify xa ten case 66.000 reproducións, para nós foi unha gran sorpresa. O disco está tendo unha acollida brutal e nótase, á parte de nas reproducións, no tema das contratacións e nos directos, estivemos tocando no entroido de Lalín e a xente sabíase as cancións, iso foi un shock. Estamos encantados.
— Que reaccións buscan provocar na xente que escoite o álbum?
Bailar e gozar, iso foi desde o principio o que quixemos proxectar e foi a nosa forma de traballo. Encerrámonos a gravar pero foi un proceso moi orgánico, fixémolo cando nos saíu do corpo e mentres gravabamos queriamos proxectar ese humor de despreocupación. Queremos provocar no público ganas de bailar, de gozar e de esquecerse do resto. Queremos que a xente tome o disco como seu e que o goce e o baile e que acuda aos concertos. O oficio trátase diso, vivimos de números pero ao final trátase de facer desfrutar, algo tan sinxelo e complicado como iso.