Estas son todas as persoas e obras candidatas aos Premios Mestre Mateo

Anuncio dos finalistas dos Mestre Mateo, esta terza feira. (Foto: Deputación de Lugo)
A actriz Trisha Fernández e o actor Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala que terá lugar o día 21 de marzo en Lugo. A realizadora Marta Arévalo dirixirá o espectáculo.

A actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes anunciaron na mañá desta terza feira as candidaturas finalistas da vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto decorrido no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. Xunto ao anuncio de finalistas, a Academia Galega do Audiovisual desvelou que a actriz Trisha Fernández e o actor Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala que terá lugar o día 21 de marzo en Lugo e a realizadora Marta Arévalo dirixirá o espectáculo.

Os filmes Antes de nós, Sirāt e As liñas descontinuas copan 40 das candidaturas finalistas desta edición. A longametraxe Antes de nós, arredor da figura de Castelao, é a produción máis votada polas académicas e académicos, con 18 candidaturas, comezando pola de Mellor longametraxe, que comparte con As liñas descontinuas, Sirāt e San Simón.

Antes de nós sitúa como finalistas Ángeles Huerta en dirección e Pepe Coira en guión, ademais de Cris Iglesias como interpretación feminina protagonista e Xoán Fórneas como interpretación masculina protagonista. En categorías de reparto son finalistas Luisa Merelas e Victoria Teijero, xunto con Adrián Ríos Rúa, Nacho Novo e o recentemente falecido Miquel Ínsua López. O filme é tamén finalista en dirección de fotografía con Lucía C. Pan, dirección de produción con Lucía Caramelo, montaxe con Lucía Iglesias Fuentes, música orixinal con Sofía Oriana Infante Souto, son con Toni Penido, David Machado e Javier Pato, vestiario con Aránzazu Domínguez Veiga e maquillaxe e perruquería con Chicha Blanco e Lorena Calvo.

As liñas descontinuas acumula 11 candidaturas, en dirección para Anxos Fazáns e en guión, compartido por Anxos Fazáns e Ian de la Rosa, ademais de Mara Sánchez e Adam Prieto como finalistas nas interpretacións protagonistas. O filme compite tamén en dirección de produción con Nati Juncal e Silvia Fuentes, dirección de fotografía con Sandra Roca, montaxe con Diana Toucedo e Laura Piñeiro, música orixinal con Xavier Bértolo e son con Xavier Souto, David Machado e Javier Pato.

Pola súa banda, Sirāt suma 11 candidaturas, é finalista en dirección e guión con Oliver Laxe xunto a Santiago Fillol, e destaca nas categorías técnicas con Mauro Herce en dirección de fotografía, Oriol Maymó en dirección de produción, Cristóbal Fernández en montaxe, Kangding Ray en música orixinal, Amanda Villavieja en son, Nadia Acimi en vestiario e Zaira Eva Adén en maquillaxe e perruquería.

Na categoría de interpretación feminina protagonista compiten tamén Alba Flores por Punto Nemo, Lucía Veiga por Mi Ilustrísimo Amigo e Mara Sánchez por As liñas descontinuas. En interpretación masculina protagonista son finalistas Adam Prieto por As liñas descontinuas, Flako Estévez por San Simón e Luis Tosar por Golpes. En reparto feminino complétanse as candidaturas con Desiré Pillado por O Home Perfecto e Isabel Naveira por Lume, mentres que en reparto masculino é finalista Tatán por San Simón.

En televisión, Weiss e Morales sitúase como unha das series máis recoñecidas desta edición, con Lucía Estévez como finalista en dirección, Jaime Pérez AEC en fotografía e Gaspar Broullón e Lu Rodríguez en montaxe. Compite en Mellor serie de televisión con Bibopalula, O Home Perfecto e Punto Nemo. O Home Perfecto suma tamén candidaturas para Sonia Prol en dirección de arte e Fani Mosqueira en maquillaxe e perruquería.

Na categoría de Mellor programa resultaron finalistas Cinephilia, Cos Pés na Terra, Raíña-me! e O videoclub. A primeira destaca ademais polas candidaturas de Simone Saibene a Mellor comunicador/a e Mellor realización, categoría na que compite con Diego Guerrero, Marcos Estebo e Breixo Llano por Cos Pés na Terra, Marcos Nine por Historias de Aquí e Miguel Gomar por Raíña-me!. En Mellor comunicador/a son tamén finalistas Lucía Veiga por Aquí Galicia Fest, Miguel Canalejo por O videoclub e Xosé Ramón Gayoso por Luar.

En Mellor documental son finalistas 360 Curvas, Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado. As series web finalistas son Alucinema, Bechos, Contando los días e Pipo.

Nas categorías de curtametraxe, en imaxe real compiten Abellón, Adeus, Berta, Algo novo que contar e Curmán, mentres que en animación son finalistas Lucus, Nuno, O Corpo de Cristo e O Mesmo.

Na categoría de Mellor videoclip optan ao premio Ferido de Xoán Fórneas, Hibernarse de Fillas de Cassandra, Non cho podo dar de Sabela e María Escarmiento e Ontes fun moi malo de Grande Amore.

En Mellor anuncio publicitario son finalistas Ao Noroeste do Oeste; Gadis, Compartimos la vidaHematofesti 2025-Festival de Humor e Literatura Infantil, e Historia que nos impulsa.

O público de Lugo terá a posibilidade de asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións, repartidas durante os meses de febreiro e marzo, serán gratuítas, de acceso libre até completar capacidade. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, que decorrerá o sábado 21 de marzo en Lugo.

Apoio institucional

No acto participaron a deputada de Cultura Iria Castro, o vicepresidente da Deputación Efrén Castro e o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, quen amosaron o apoio de ambas as institucións aos galardóns.

Iria Castro deu “os parabéns a todas as persoas que participan no audiovisual galego, nomeadas ou non entre os finalistas. É fundamental ter un sector audiovisual forte, ter unha Academia Galega do Audiovisual e poder organizar actos como estes ou a gala do 21 de marzo, que estamos orgullosísimas de acoller en Lugo”.

Aliás, Arroxo agradeceu á Academia Galega do Audiovisual ter elixido a cidade de Lugo para a celebración do evento, “que vai ser nestas semanas capital do audiovisual galego” e convidou á veciñanza “a participar nas actividades previstas para as vindeiras semanas, nas que se porá en valor todo o traballo, toda a canteira, do noso audiovisual, que cada vez ten máis visibilidade”.