O récord "histórico" de inscricións nos XXIV Premios Mestre Mateo certifica o bo momento do audiovisual galego
Os galardóns da Academia Galega do Audiovisual rexistran o maior número de profesionais inscritos da súa historia, cun notábel incremento da presenza feminina e a cifra máis alta de longametraxes presentadas.
O audiovisual galego vén de alcanzar un novo fito coa inscrición de 565 profesionais nos XXIV Premios Mestre Mateo, o maior número rexistrado desde a creación destes galardóns. Así o deu a coñecer a Academia Galega do Audiovisual, que abriu esta quinta feira o período de votacións para escoller as finalistas desta edición.
A convocatoria, que celebrará a súa gala de entrega o vindeiro 21 de marzo en Lugo, suma 186 producións inscritas, consolidando os altos niveis de participación alcanzados nos últimos anos. Destaca especialmente a categoría de longametraxe, que alcanza un máximo histórico con 13 títulos, un dato que reflicte a boa saúde do cinema galego. As series de televisión manteñen unha presenza sólida con 9 inscricións, mentres que as series web continúan a súa tendencia ascendente e chegan ás 16 producións, o mellor rexistro até o momento.
As categorías de programas e videoclips volven situarse entre as máis concorridas, con 37 e 39 obras respectivamente. Tamén presentan cifras destacadas as curtas de imaxe real (26 títulos) e o documental, que suma 25 producións nesta edición.
Camiño á igualdade
No ámbito profesional, os datos amosan un avance significativo cara á igualdade: das 565 candidaturas, 247 corresponden a mulleres (44%) e 318 a homes (56%), o que supón o mellor dato histórico de participación feminina nos Premios Mestre Mateo.
O prazo de votacións desta primeira rolda permanecerá aberto até o 28 de xaneiro ás 14 horas, período no que as académicas e académicos escollerán as candidaturas finalistas. Unha vez feitas públicas, abrirase unha segunda fase para elixir as obras e profesionais gañadores, que se darán a coñecer na gala de marzo, unha das citas máis relevantes do calendario cultural da Galiza.

