Os títeres toman a vila dos viadutos

Até o día 31 de maio, debaixo dos viadutos, prazas e rúas énchense de títeres. O XVI Festival Internacional de Títeres de Redondela converte a vila nun grande escenario polo que desfilan 24 compañías que porán en marcha máis de 70 espectáculos. 

TITERES2

Rúas e salas de Redondela acollen até o domingo 31, o amplo programa do XVI Festival Internacional de Títeres, espectáculos ao aire libre e espazos pechados, mercadiño titiriteiro, exposición de fotografía e unha animación singular en toda a vila son os sinais de identidade dun dos encontros máis populares do teatro de monicreques que este ano rende homenaxe aos espectáculos itinerantes. Redond-Off recunca como plataforma para que a creatividade de Redondela saia tamén á luz e “Títeres pola gorra” abre a posibilidade a quen queira mostrar as súas destrezas artísticas fóra de programa. 

TITERES

Esta sexta feira, sábado e domingo serán os días grandes do festival no que as representacións se multiplicarán nunha vila tomada polos títeres. Compañías como Pigmaliao Escultura que Mexe de Brasil, o Centro Dramático de Évora os cataláns Katakrak ou Companyia Pelmánec, Tanxarina, Fanfarria Taquikardia, Hugo Suárez de Perú, Caramuxo Teatro, Trompicallo Títeres, Titereficciós, Calcetín Furado ou Títeres Castanueces son algunhas das compañías que participan nesta edición do festival 

Homenaxe a históricos e itinerantes 

Ás 21:00 desta sexta feira desenvolverase tamén un encontro coloquio con titiriteiros históricos na Casa da Cultura, espazo dirixido por Quico Cadaval. A programación de rúa de sábado e domingo quere ser unha homenaxe aos espectáculos itinerantes e, con ese fin, a compañía catalá Factoría Circular fará circular polas rúas da vila “Rodafonio” unha sorte de triciclo xigante cos músicos a tocar dentro da súa roda principal. 

A compañía Ekart e o seu “Maurice et Jules” será a protagonista na mañá do domingo do “Paseo dos Pitiños” para o que convidan a crianzas e familias a iren disfrazados de pitos ou calquera outro animal para partillar do desfile que sairá ás 11:30 no fin do Paseo da Portela un espazo creado para provocar unha maior interacción do público co festival. 

Comentarios