26 de outubro ás sete da tarde
Tino Baz presenta a súa interpretación musical de Rosalía na casa museo da poeta
22 de outubro de 2019 (12:11 h.)
Se cantas es ti que cantas, o disco do cantor guardés Tino Baz sobre poemas de Rosalía de Castro, chega este sábado, 26 de outubro, á casa museo da poeta, en Padrón. Será no auditorio ás sete da tarde.
O traballo recolle 11 cancións a partir dos textos de Rosalía e mais un epílogo do propio Baz. Ademais da guitarra e a voz do cantautor, hai violíns e pianos e acordeóns nunha “apoloxía da liberdade” da escrita da autora de Follas Novas. “Canta de xeito revolucionario sobre aspectos esenciais da condición humana”, explicou a Sermos Galiza cando publicou Se cantas es ti que cantas a pasada primavera.
Agora leva o disco á Casa da Matanza, talvez o lugar máis indicado para acollelo. De feito inclúe un limiar do escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.