Día das Artes Galegas

O Teatro Principal de Pontevedra acolle a homenaxe a De la Sota

A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea este sábado en Pontevedra o arquitecto pontevedrés Alexandre de la Sota, a quen lle dedicou este ano o Día das Artes Galegas.

[Imaxe: Xurxo Lobato]
photo_camera [Imaxe: Xurxo Lobato]

Este sábado, 14 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra acolle ás 19h un acto solemne de homenaxe a Alexandre de la Sota promovido pola Real Academia Galega de Belas Artes, que este ano homenaxeou no Día das Artes Galegas o arquitecto pontevedrés.

Participarán do acto o presidente da Xunta; Alberto Núñez Feixóo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e mais o decano do Colexio de Arquitectos de Galiza, Antonio Maroño.

Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, será o encargado de abrir a homenaxe. Intervención que seguirá o vicepresidente da entidade, Celestino García Braña, que lerá a glosa dedicada a De la Sota.

A Real Academia Galega de Belas Artes programou actividades complementarias para homenaxear o arquitecto, que van desde a exposición que se inaugurou este mediodía na praza da Ferraría de Pontevedra até un ciclo de conferencias sobre a súa obra arquitectónica. A mostra, promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, en colaboración coa Academia, vén completar a exposición instalada no Museo de Pontevedra e visitará outras cidades do país.

"Un dos máis notábeis arquitectos" a nivel estatal

A entidade afirma que De la Sota é “un dos máis notábeis da arquitectura” a nivel estatal do século XX, e “quizais o máis singular de aqueles que vincularon a súa estratexia creativa ao Movemento Moderno”.

Coa elección de De la Sota, a Academia engade “un chanzo na construción daquela escaleira que ascende ao imaxinario da arte actual na Galiza, de modo singular o da súa arquitectura, e esta elección contribúe a iso, pois a súa figura sitúaos ao bordo mesmo do século XXI”.

“Nas súas Historias da Arquitectura, autores tan notábeis como Leonardo Benévolo, Kenneth Frampton, William Curtis ou V. Magnago Lampugnani, só por citar as máis difundidas, dan boa conta do seu excepcional labor creativo”, acrecenta a entidade, que salienta que “ademais de artellar un modo de pensar a arquitectura desde as circunstancias específicas do seu presente, influíu poderosamente nas xeracións posteriores”. Como proba, alude ao “número interminábel de textos comentando o seu pensamento e obra e a cantidade de teses doutorais que tratan de desentrañar toda a riqueza creativa contida nos seus edificios”.

Día das Artes Galegas

Aínda que o Día das Artes Galegas ten como data oficial o 1 de abril, ao coincidir cos festexos de Semana Santa e en domingo, decidiuse adiar o acto institucional até este sábado. O Día das Artes Galegas foi instituído en 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes. Antes de De la Sota, o Mestre Mateo, Castelao e Maruxa Mallo foron os persoeiros distinguidos.

O membro da Academia Galegas de Belas Artes e presidente da asociación Amigos dos Museos, Felipe-Senén López Gómez trazou, para o semanario Sermos Galiza, un perfil do homenaxeado.

Comentarios