'Luás de Outono' no Rosalía de Castro da Coruña

Teatro para celebrar Manuel María

O poeta Manuel María.

Este mes fai 13 anos que morría un dos poetas máis populares de Galiza, Manuel María Fernández Teixeiro. E como cada cabodano, a fundación que acolle a casa natal do escritor en Outeiro de Rei celebra a súa memoria co festival Lúas de Outono, no teatro Rosalía de Castro da Coruña. Esta cuarta feira, ás 20.30 horas do serán, a compañía Lucecús representará A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna.  
 

Manuel de Paderna foi un poeta popular decisivo na formación de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004). A sombra da súa figura comparece en varias obras do autor de Morrendo a cada intre (1952), entre elas o libro infantil A tribo ten catro ríos (1991). "A través da figura de Manuel de Paderna facemos un percorrido pola xeografía de Manuel María e os seus textos", explica Rubén Pérez Pombo, de Lucecús Teatro, "a obra é unha celebración da vida, da nosa cultura e do noso país e da celebración do espírito de Manuel María”.

 

Alberto Ansede, da Fundación Manuel María -organizadora do evento, cuxa entrada é de balde até completar aforo-, salienta a influencia de De Paderna en Manuel María: "Con el achegouse a versificar". E lembra a frondosidade da obra dramática dun autor, Manuel María, coñecido sobre todo pola súa poesía. Trinta e seis pezas teatrais convérteno nun dos dramaturgos máis prolíficos da literatura galega e que, a xuízo de Ansede, será "descuberto" polo público cando sexa reeditado.