As “teatreiras” mes a mes na Axenda Feminista do Observatorio

Despois das músicas e as escritoras, son as mulleres do teatro as que conducirán o ano a través da Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Doce directoras e actrices serán as protagonistas de cada un dos meses do próximo 2014. 

Pilar Pereira, Ánxeles Cuña, Cristina Domínguez, Isabel Risco, Mónica Camaño, Anxela G. Abalo, María Armesto, Patricia de Lorenzo, Paula Carballeira, Anabel Gago, Iria Sobrado e a mariñá Comba Campoy son as “teatreiras” protagonistas da axenda do próximo ano do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Da mesma maneira que en anos anteriores, o colectivo feminista mariñá busca coa publicación da súa axenda dar visibilidade ao traballo das mulleres en distintos ámbitos, neste caso, da cultura. Primeiro as músicas e logo as escritoras, son agora as “teatreiras” as que toman os meses para descubrir o seu traballo, tanto na dirección como na interpretación. 

O xoves 5 de decembro a axenda presentarase na libraría Lila de Liith ás 20.00 horas en Compostela coa presenza de Paula Carballeira, Anxela Abalo, Iria Sobrado, Anabel Gago, María Armesto, Mónica Camaño e Pilar Pereira.O sábado 7, a presentación será na Casa das Letras en Ribadeo, coa presenza da actriz da Mariña, Comba Campoy. 

Visibilizar as mulleres na cultura

A Axenda Feminista naceu por vez primeira no ano 2011 coas reivindicacións pendentes para a igualdade das mulleres. Pasaría despois a “visibilizar” durante tres anos, este incluído, o papel das mulleres nos distintos ámbitos da cultura. A lenda “Non nacín para ser domesticada…” de Carolina Otero ademais da figura mitolóxica da Medea deseñada pola ribadense Chenchu López compoñen o pórtico da publicación. Singular é tamén que durante todo o ano aparezan sinaladas as datas principais do movemento feminista, tantas veces esquecidas.

“Porque sobranceiro é o papel das mulleres no desenvolvemento e profesionalización do teatro galego. E porque queremos continuar a nosa porfía de visibilizarmos e valorizarmos o traballo das mulleres galegas en distintas facetas do eido cultural” son as razóns para que o Observatorio da Mariña pola Igualdade desenvolva esta homenaxe ás teatreiras. 

Unha imaxe de cada unha das mulleres máis un texto escrito expresamente para a axenda acompaña cada un dos meses nos que directoras e intérpretes reivindicarán o papel do seu xénero no teatro desde a nova Axenda Feminista.