Tanxugueiras, Guadi Galego e Xoel López actuarán nas festas de San Froilán

Arroxo e Ferreiro, esta quinta feira, na presentación do adianto do programa de San froilán. (Foto: Nós Diario)
Ferreiro confirmou, ademais, a presenza de Lia Kali, Consorcio, Biznaga, Bala, Vera Fauna, Patáx e Lucía Pérez como primeiros nomes da gran festa do outono galego.

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron esta quinta feira os primeiros concertos que comezan a dar forma ao programa das festas de San Froilán 2025".

"Esta é a volta da gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto", afirmou Ferreiro, que engadiu: "hoxe presentamos os principais concertos das festas, con artistas como as Tanxugueiras, Xoel López ou Biznaga, e nas vindeiras semanas continuaremos a ampliar as actividades que darán forma á nova edición da gran festa do outono galego". 

Ferreiro confirmou ás Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, Consorcio, Guadi Galego, Biznaga, Bala, Vera Fauna, Patáx e Lucía Pérez como primeiros nomes da gran festa do outono galego. Ademais, a área de Cultura continúa a traballar nas distintas cuestión técnicas e organizativas das festas.

A edil de Cultura afirmou que a Tenencia de Alcaldía agarda unha ampla asistencia ás actividades, non só aos múltiples concertos que ateigarán as prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senón tamén "a animación de rúa e as actividades nos barrios, buscando que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sintan que as festas do San Froilán son súas, que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de ser de Lugo", .

A Comisión das Festas do San Froilán 2025 está composta por un total de oito integrantes, dos que tres son do grupo municipal Socialista, catro do grupo popular e dous do BNG, xunto co xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario.