martes 24/11/20

Tamén Vía Galega pide que se estenda a 2021 o Día das Letras Galegas para Carvalho

Calquera outra decisión, engaden, “suporía actuar inxustamente, minguar a posibilidade de dar a coñecer a figura e obra dunha personalidade fulcral do século XX”.
Carvalho Calero no II Simpósio Internacional da Língua Galego-portuguesa.
Carvalho Calero no II Simpósio Internacional da Língua Galego-portuguesa.

A  Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza Vía Galega, a cal están adheridas 61 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, musical e veciñal; reclama que para o ano 2021 as Letras Galegas continúen coa homenaxe a Carvalho Calero.

“A pandemia padecida desde o mes de marzo, o confinamento sufrido, as declaracións do estado de alarma, as restricións para a realización de actos presenciais e reunións e a limitación da mobilidade e, agora, a declaración, de novo, do estado de alarma e do toque de recoller, prevéndose a súa vixencia até o mes de maio, son sobradas e convincentes razóns para que a Real Academia Galega asuma prorrogar ao ano 2021 a dedicación das Letras Galegas a Carvalho Calero”, indican nun comunicado.

Calquera outra decisión, engaden, “suporía actuar inxustamente, minguar a posibilidade de dar a coñecer a figura e obra dunha personalidade fulcral do século XX”.

“É necesario estender ao ano 2021, a celebración das Letras Galegas a figura de Carvalho Calero, xa que todo o alumnado galego non tivo clases presenciais nin asistiu aos centros escolares desde o mes de  marzo até de xullo”.

Do contrario, explica Vía galega, “impediríaselle aos escolares o  estudo e coñecemento da súa significativa, diversa e prolífica obra e do achegamento  a un escritor poliédrico, comprometido co seu idioma e o seu pais, fundamental na investigación literaria e nas achegas sociolingüísticas”.

 Vía Galega súmase así ao amplo abano de entidades e colectivos que demandan que o Día das Letras 2021 continúa a dedicárselle a Carvalho Calero.

Porén, e tal como informou Nós Diario a mediados de outubro, a Academia comunicou a Galiza Cultura que non prolongará o ano Carvalho Calero

comentarios