“Perfecto Feijóo levou a música e a danza do pobo ao escenario e merece ser homenaxeado”
Cen anos despois de que Perfecto Feijóo disolvera o coro “Aires da Terra” volve ao escenario nunha homenaxe ideada polo gaiteiro Suso Vaamonde, apaixonado polo seu labor e o papel na nosa historia musical. Coa mesma sonoridade, coa recreación daquela posta en escena. A vindeira cita, o sábado 24 en Compostela.
O gaiteiro Suso Vaamonde, un dos máis prestixiosos da nosa música, quixo homenaxear a Perfecto Feijóo, unha das súas figuras de referencia, e decidiu recuperar o coro “Aires da Terra” cando se cumpría o centenario da súa disolución. Cen anos despois, as gaitas xa non son aquelas, nin as agrupacións, nin as postas en escena mais el documentouse e encargou a Pablo Carpintero que construíse un documento idéntico ao que tocaba Feijóo e, con eses materiais, consegue a mesma sonoridade que se sentía cando a orixinal Aires da Terra subía aos escenarios.
“Perfecto Feijóo merece esta homenaxe e moitas máis. Foi el quen levou a música e a danza do pobo ao escenario. Elevou á categoría de espectáculo algo que era cotiá e, a raíz diso naceron os demais coros e o folclore tal e como o entendemos agora, o que deu logo pé ao que coñecemos como folk. A el a música galega débelle moito”, explica Suso Vaamonde deixando á vista o seu entusiasmo por Feijóo, unha figura, segundo el, aínda “infravalorada”.
Dous punteiros á vez
Fascinado xa co libro de José Luís Calle “Aires da Terra”, hai vinte anos -con partituras que el interpretou coas gaitas de agora - e coa publicación dez anos despois da gravación histórica en Ouvirmos, ter entre as mans reprodución da propia gaita de Feijóo que lle
Os parceiros de Suso Vaamonde son Xosé Lois Romero, José Manuel Acha, Xan Herrera, José Luís Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza e César Tarela, as novas voces que están a “resucitar” o coro “Aires da Terra no centenario da súa disolución.
Como é o proceso de recuperar a súa sonoridade? Os cambios son moitos? “A diferencia é que a gaita que el toca é con ronquillo, é dicir, como escoitar dous punteiros á vez, dúas gaitas tocadas pola mesma persoa. A afinación é distinta á das de hoxe e distinta tamén a súa dixitalización. A gaita experimentou unha evolución técnica e o son de hoxe é distinto ao de entón. Imos escoitar unha gaita de hai case cento cincuenta anos”.
Agradecemento dos coros
Canda a reprodución do espectáculo a través da foto de 1901 de cando Perfecto Feijóo levou Aires da Terra a Madrid, a homenaxe quere tamén que os distintos coros que naceron da súa herdanza participen neste agradecemento ao fundador. Por esta razón, en cada un dos espectáculos, é o coro da localidade o que organiza e serve de anfitrión á memoria do pioneiro Aires da Terra. “Contamos coa súa participación, dunha ou outra maneira. A resposta foi estupenda. Son eles os que coordinan os lugares e as datas e participan de distinta maneira na produción do espectáculo”, explica Vaamonde. Cada unha das propostas inclúe a narración a través de textos do propio Feijóo, mentres a agrupación se coloca para a reprodución fiel daquela imaxe de 1901. Xurxo Souto en Pontevedra e Touriñán en Compostela son os encargados do relato nas dúas primeiras postas en escena.
O concerto “Aires d´a Terra: o legado de Feijoo” ten así como obxectivo interpretar parte do repertorio do primeiro coro da historia de Galiza, fundado polo
O lugar escollido para a estrea do espectáculo foi o Museo de Pontevedra xa que é nel onde se custodia a gaita, zanfona e outros instrumentos de Feijoo. A partir de aí, o proxecto visitará o que consideran os “fillos directos” do coro, con Cantigas e Agarimos este 24 de xaneiro na Igrexa da Universidade de Compostela, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, onde estarán o 31 de xaneiro, Cántigas da Terra da Coruña, e o 7 de febreiro, Coral de Ruada de Ourense.
Os seus promotores definen “Aires d´a Terra: o legado de Feijóo” como un proxecto “emotivo e romántico” que volverá dar vida á fotografía coa que ilustran o cartaz, que se corresponde coa viaxe da agrupación a Madrid en 1901. Síguelles a mesma manda: “O amor pola nosa música máis auténtica e orixinal”. No espectáculo, que dura por volta de 50 minutos, intercalaranse os temas musicais con comentario escritos polo propio Feijoo, no ánimo de documentar o espectáculo.