O Surfing The Lérez amosará a calidade musical feita na Galiza
Máis de 50 actuacións musicais soarán na nova edición do Surfing The Lérez amosando a variedade e calidade musical feita na Galiza. Durante a sexta feira 21 e sábado 22 de xuño a Illa do Covo, na cidade de Pontevedra, acollerá este festival que ten a Terbutalina, Heredeiros da Crus e Familia Caamagno como cabezas de cartel.
Pontevedra acolle unha nova edición do festival Surfing The Lérez que se desenvolverá durante a sexta feira 21 e o sábado 22 de xuño, en horario ininterrumpido desde as 12 horas do mediodía até a medianoite de cada xornada.
Os cabezas de cartel serán os grupos galegos Heredeiros da Crus, que actuarán o a sexta feira a partir das 22 horas, mentres que o sábado será tempo para o rock n’roll de Terbutalina e para a Familia Caamagno, cos seus sons de rock, rhythm & blues e garage.
Máis de 50 actuacións amosarán a variedade e calidade da música que se fai na Galiza. Os escenarios Mahou, Sala Karma e O Pequeno acollerán a sexta feira as actuacións de Fondo Norte, Selvática, Malkeda, Heredeiros da Crus, e La Cabronía DJS.
Pensado para o público infantil, o escenario Bonobo acolle tamén na sexta feira unha nova aposta de música electrónica e rock realizada por alumnado de 4 a 6 anos e a pola Escola do rock Paredes de Coura.
O sábado 22 de xuño será a quenda nos escenarios Mahou e O Pequeno para Basanta, Tony Lomba e Elio dos Santos, Sex Museum, Rayotaser, The Lelli Kelly’s, Ortiga, Familia Caamagno, Mushu, Santi Araújo, Holywater, Terbutalina, Maneiro, Anaut e Thee Blind Crows e os DJ Charlie Swamp, Sr Fiuz e Malaguita Certain Music.
O sábado o escenario Bonobo ofertará para crianzas e persoas de todas as idades 38 agrupacións en formato banda de alumnado entre 7 e 18 anos, que se sucederán cada 10 minutos.
Hai programados diversos obradoiros porque Surfing é tamén unha romaría familiar
A maiores, este festival coorganizado polo Concello de Pontevedra, ten programados diversos obradoiros porque Surfing “é tamén unha romaría familiar”, como din desde a organización, e por iso tamén haberá postos de venda de comida e bebida, un mercadiño de creadoras e creadores emerxentes e atraccións infantís, como un tíovivo de madeira que xira a golpe de pedal e outros xogos de madeira.
O festival non ten entrada ao igual que nos anteriores anos, mais si se solicita unha colaboración coa recollida de alimentos organizada pola Redeaxuda.