Caderno de Verán

Rubén Riós: "Son un anarquista na nova serie da RTP"

Rubén Rodríguez (Riós, 1980), coñecido como Rubén Riós, embarcouse no confinamento na realización de directos en Facebook e Instagram conseguindo unha notable audiencia. Un cento de vídeos despois pensa seguir con esta actividade no tempo que lle deixen a rodaxe da serie 'Vento Norte', da televisión portuguesa, na que interpreta un anarquista español en 1918, e a preparación da súa primeira longametraxe.
RUBENRIOS
photo_camera Rubén Riós caracterizado para a serie 'Vento Norte' da RTP.

—No confinamento tivo moita actividade na rede. Como xurdiu 'Je suis titiritero'?
O 16 de marzo , coma case todo o planeta, vinme confinado. Desde que aos 14 anos fun vivir fóra non tivera que volver á casa tanto tempo seguido. A meu pai, con 78 anos,  tiven que explicarlle que non se podía saír á rúa afeito como estaba a entrar e saír cando quería. Pensei "que vou facer para entreter a meus pais?" e aí nacen os directos en Facebook, que nunca fixera. Foi un pouco poñerme ao servizo da xente. Ao fin e ao cabo son contador de historias, unhas veces detrás da cámara e outras diante.

—Como foi a experiencia e  que aprendizaxe tirou dela?
Notei que había moita xente soa. Aos poucos días xa tiñamos unha audiencia, unha conexión, e ao final botei 100 días seguidos cos directos. O equipo da miña produtora, Claqueta Coqueta, dicíame que era mellor facer só unha hora, pero vin que o público de Facebook e de Instagram era distinto, con idades e necesidades distintas. Atopei que no Facebook eu tiña que lanzar un tema e escoitar e en Instagram a xente quería saber como estaba a pasar o confinamento a xente máis coñecida, e así fun petando na porta de xente coa que traballara. E non só para falar da parte profesional senón da parte máis humana. Entrevistas moi de estar diante da lareira, porque o intrascendente, ás veces, ten moita importancia.

—E en que novos proxectos anda agora?
En pleno confinamento chamáronme porque ía haber unha nova serie, unha primeira tempada de 10 capitulos ambientada no ano 1918, na mal chamada gripe española, e estaban interesados en que eu fixera unha personaxe fixa. É unha produción internacional que se roda en Portugal para a RTP (Radio Televisión Portuguesa) que se titula 'Vento Norte'. Eu interpreto un anarquista que viaxa a Portugal cun obxectivo moi claro pero aparece o amor e non sabemos se ao final acabará cumprindo o seu obxectivo ou non. Foi un soño feito realidade porque sempre mirei moi ben Portugal, máis vivindo entre Verín e Riós, e coito que podemos aprender moito deles. 

—E ten algún outro proxecto en marcha?
Pois si, xa dirixín curtas pero agora estou coa preparación da miña primeira longametraxe como director.

Esta conversa publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios