“Somos un grupo desde Galiza para o exterior”
Talabarte, o trío formado por Quim Farinha, violín; Pedro Pascual, acordeón diatónico, e Kin García, contrabaixo, acaba de publicar o seu segundo traballo, 'Fake', que vén en formato libro-disco con ilustracións de P. Pastor e textos de Carlos Meixide.
- Na web dicides “cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación”. Cal é a relación entre esas historias e a música de ‘Fake’?
- Quim Farinha: Pensamos nas historias que queríamos contar e paralelamente fixemos as músicas. Nalgúns casos si que están inspiradas nas historias e noutros relacionámola, por exemplo, co título. Mais sempre hai algo suxerente na música que te leva á historia. Sempre existe esa conexión. En cada tema poderíamos mirar con lupa e atopar sempre conexión.
-Este disco preséntase nun formato moi coidado, nun libro con ilustracións de P. Pastor e textos de Carlos Meixide. E en inglés. Entendo que é para vós unha prioridade saír fóra, máis aínda despois de participar no pasado Womex, non?
- Pedro Pascual: Por suposto. Aquí somos un público potencial de 2 millóns e medio de persoas. É absurdo pensar só na Galiza.
- Q.F: Non quixemos desbotar a posibilidade de que este libro fose lido no extranxeiro, por iso quixemos poñelo en inglés. Se o poñemos só en galego estamos limitando a venda do produto a Galiza.
- Kin García: Ademais Talabarte é un grupo que funciona moi ben fóra. Decatámonos de que certos clixés que aquí son dubitativos cando imos a fóra convértense nunha verdadeira esencia do grupo.
Kin García: “Talabarte é un grupo que funciona moi ben fóra. Decatámonos de que certos clixés que aquí son dubitativos cando imos a fóra convértense nunha verdadeira esencia do grupo”.
- Compílanse ritmos como mazurcas, milongas, polskas, muiñeiras, etc. Até algunhas cancións teñen ese nome por título. Que pretendedes conseguir con esta mestura?
- P.P: Non é nada premeditado. A galega é a música que mamamos desde sempre, mais temos moita influencia de ritmos europeos. Tamén hai unha certa inspiración americana. Somos un grupo desde Galiza para o exterior. Bebemos de aquí, mais queremos que a nosa música se escoite fóra e nós tamén escoitamos moita música de fóra.
- K.G: Talabarte realmente é iso. Unha música atemporal que non se nutre de nada, senón que facemos a música que nos gusta.
- No primeiro disco comentábades que había bastante improvisación. Neste caso tamén?
- Q.F: Seguimos sendo Talabarte. Ás veces hai xente que che comenta que a música é igual. Nós somos os mesmos músicos e tocamos os mesmos instrumentos. Con todo, sempre hai evolución entre o anterior e este. Mais é a música que facemos.
- P.P: É importante destacar que facemos música sen ningún condicionante nin presión.
- Q.F: Aínda que tardemos tamén se compensa co resultado, xa que é un disco de 72 minutos.
Pedro Pascual: “Tentando escoitar desde fóra vexo este disco máis descriptivo que o outro. Ten que ver coa música descriptiva que ás veces nos lembra á música de bandas sonoras e outras veces a músicas do século XX, como pode ser o impresionismo”.
- En canto ao proceso creativo, afirmades que hai evolución entre o primeiro disco e ‘Fake’? Cal é a principal mudanza como creadores?
- P.P: Tentando escoitar desde fóra vexo este disco máis descriptivo que o outro. Ten que ver coa música descriptiva que ás veces nos lembra á música de bandas sonoras e outras veces a músicas do século XX, como pode ser o impresionismo. A nivel pictórico é o as cores do disco son distintas ao outro. A nivel musical seguimos sendo os mesmos e seguimos facendo temas longos. Para establecer unha viaxe en calquera discurso artístico convén que haxa unha presentación, clímax e unha resolución. Entón necesitamos tempo para plasmar todo iso. Por outra banda, tamén nos coñecemos máis neste disco.
- Q.F: Tamén hai que ter en conta a evolución individual de cada un. Temos máis experiencia.
- En varias das pezas aparecen entre parénteses unha aclaracións moi curiosas. Como é o caso de Sísamo Road: "traditional from Sísamo, Bergantiños, as learned from Adelaida Varela". Contádenos a historia que hai detrás.
- P.P: É un paso dobre dun sitio de aquí que se chama Sísamo e que canta unha señora. Sempre facemos alusión ás señoras porque sobre todo eran elas as que transmitían este repertorio. Nun ensaio xurdiu o xogo de palabras da serie infantil Sesame Street. Estábamos pensando en poñer Sísamo Street. Ao final fixemos a relación entre esa música, o fake de Paul McCarthey e o tema ‘Abbey Road’. Quixemos xuntas esas ideas e quedou así.
Pedro Pascual: "O artista perde o interese pola súa obra cando está rematada".
- O título é o último que chega?
- P.P: Normalmente si. O proceso é moi longo e o título xeralmente aparece máis cara ao final. Neste caso tamén tivemos en conta os textos e títulos de Meixide. Relacionamos iso coa música e os títulos van encaixando.
- Decidistes facer a presentación de ‘Fake’ na Fundación Eugenio Granell. Por que?
- Q.F: É unha especie de meca do surrealismo aquí na Galiza. Gústamos moito o surrealismo. De feito, o disco ten unha compoñente de surrealismo bastante grande.
-P.P: Reivindicamos o movemento surrealista na Galiza. Para as presentacións, que de feito estámolas preparando agora, sempre escollemos sitios que teñan unha enerxía especial e momentaneamente convertímolos en auditorios.
-Tedes datas para as presentacións?
-Q.F: Imos facelas despois de Nadal. Estamos pechando os concertos que nos quedan.
Kin García: “O obxectivo da música é emocionar o público e que nós nos emocionemos con ela. Que iso sexa un vínculo común para todo o mundo. Se fose por gañar cartos dedicaríamonos a outra cousa”.
- Dos 12 temas que conforman ‘Fake’ con cal vos identificades máis?
- P.P: O artista perde o interese pola súa obra cando está rematada.
- K.G: Eu non escoitei máis o disco. Prefiro esquecer todas as partes da música. Pásame iso con todas as músicas que fago. Así despois cando a escoite de novo sorpréndome. O obxectivo da música é emocionar ao público e que nós nos emocionemos con ela. Que iso sexa un vínculo común para todo o mundo. Se fose por gañar cartos dedicaríamonos a outra cousa.
- Q.F: Perdes tanta enerxía no proceso de creación que chega un momento que xa te esqueces. Despois o que interesa é o retorno da xente.