Caderno de Verán

Sokram: "O idioma non é unha barreira ao tocar fóra"

A banda de rap Dios ke te crew aproveitou o confinamento para crear novos temas de cara á saída dun novo disco. Malia que lles gustaría estar xirando, tamén entenden que a súa música non está pensada para que o público esté sentado
dios ke te crew
photo_camera Imaxe promocional de Dios ke te crew

Como se presenta o verán para a banda?
Dada a situación distópica que vivimos, caéronse os posíbeis bolos. En teoría imos estar no Festiletras, en Ponteceso, en setembro, que estaba fechado antes da pandemia.

Hai traballo interno neste tempo?
Agora estamos preparando un novo disco. Aproveitamos este parón obrigado para crear e o plan é sacar un EP en canto se poida. Non temos data pero estamos a traballar en novos temas.  

Non intentan negociar máis concertos?
A verdade é que non nos apetece demasiado tocar nesta situación, para xente sentada e separada. Obviamente é mellor que estar parados pero tamén depende do estilo que fagas de música. Hai certos estilos cos que non ten demasiado sentido estar sentado; é un pouco raro. Preferimos dedicar este tempo a crear. 

En que liñas vai o próximo proxecto? Inspirounos o coronavirus?
Non podo adiantar moito do que estamos escribindo porque estamos no proceso. Supoño que algo tocaremos do tema. Mais isto necesita un tempo de asimilación porque as cousas están cambiando. Xa veremos, de momento non hai ningunha canción falando disto.  

O último disco 'O ciclo da serpe' tivo unha boa resposta?
Estabamos moi contentos até que ocorreu todo. A xente acolleuno moi ben, fixemos presentacións 'guays' en 'festis' e salas... A sensación co público foi xenial: entrabamos nun transo sanador nos concertos. 

Tamén xiraban por España. Acéptase o galego?
Si funciona porque, ao final, a música funciona. Creemos que o idioma non é unha barreira senón todo o contrario. Pero non tocamos todo o que nos gustaría fóra porque falta infraestrutura para exportar todo o traballo que se fai aquí fora de Galiza. Falta en xeral, non falo do noso caso en concreto. 

Seguen contando cos 'grafittis' e o break en escea?
Ao comezo levábamos xente pintando en directo e a outros colegas que bailaban break. Pero esto xa non o facemos nos concertos. Agora levamos un show cun artista audiovisual, A. L. Crego. 

Comentarios