“Sísifo Confuso”, a cámara tras o Leiro máis real e heroico
Acaban de chegar de Nova York de captar a Francisco Leiro nunha das cidades da súa vida. Tras os pasos dos “traballos e os días” do artista foi o equipo de “Sísifo Confuso”, un documental dirixido por Aser Álvarez que nos achegará ao proceso creativo do noso artista máis internacional.
A creación das grandes pezas escultóricas, o traballo soberbio cos materiais de xigantescas dimensións, a tensión diante dunha exposición, o seu singular estar no mundo e o universo que se expande de Cambados a Nova York e viceversa son algúns dos materiais cos que se está a construír “Sísifo Confuso”, un documental que se achega ao proceso creativo e a vida cotiá dun dos grandes artistas da historia da arte galega, o escultor Francisco Leiro.
Aser Álvarez, autor de 100% CEF, a biografía audiovisual de Celso Emilio Ferreiro, gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental, é quen bota a andar este novo proxecto que ten a Leiro como protagonista, mais o produto vai ser ben distinto ao anterior. “O seu proceso reflexivo é constante e a capacidade de traballo extraordinaria mais non é home de ser protagonista dun proxecto biográfico. A maneira de convencelo era que nos centraramos no seu proxecto creativo, no seu traballo e nos seus días”, explica Aser Álvarez, o director que vén de chegar de Nova Yorque de gravar na cidade que é un dos tres grandes escenarios do documental.
Cambados, Madrid, Nova Yorque
“Coñecino cando fixemos o documental de Celso Emilio que leu un poema. Tiña claro que me interesaba traballar arredor del, dun artista na súa plenitude. Leiro aceptou cando o convencemos de que era necesario mostrar como era o seu proceso creativo, o seu traballo
O documental preséntase como a pescuda “sobre as condicións físicas e mentais no proceso creativo“ de Leiro, un artista que, segundo o director Aser Álvarez, representa o “último supervivente dunha etapa heroica da escultura, como o definiu Txomin Badiola” No blog do documental pódese seguir a pista ao seu proceso de produción que aínda non ten data de finalización fixa mais agarda ser estreado neste mesmo ano.