“Sísifo Confuso”, a cámara tras o Leiro máis real e heroico

Acaban de chegar de Nova York de captar a Francisco Leiro nunha das cidades da súa vida. Tras os pasos dos “traballos e os días” do artista foi o equipo de “Sísifo Confuso”, un documental dirixido por Aser Álvarez que nos achegará ao proceso creativo do noso artista máis internacional. 

 

Paco Leiro en New York
photo_camera Paco Leiro en New York

A creación das grandes pezas escultóricas, o traballo soberbio cos materiais de xigantescas dimensións, a tensión diante dunha exposición, o seu singular estar no mundo e o universo que se expande de Cambados a Nova York e viceversa son algúns dos materiais cos que se está a construír “Sísifo Confuso”, un documental que se achega ao proceso creativo e a vida cotiá dun dos grandes artistas da historia da arte galega, o escultor Francisco Leiro. 

Aser Álvarez, autor de 100% CEF, a biografía audiovisual de Celso Emilio Ferreiro, gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental, é quen bota a andar este novo proxecto que ten a Leiro como protagonista, mais o produto vai ser ben distinto ao anterior. “O seu proceso reflexivo é constante e a capacidade de traballo extraordinaria mais non é home de ser protagonista dun proxecto biográfico. A maneira de convencelo era que nos centraramos no seu proxecto creativo, no seu traballo e nos seus días”, explica Aser Álvarez, o director que vén de chegar de Nova Yorque de gravar na cidade que é un dos tres grandes escenarios do documental. 

Cambados, Madrid, Nova Yorque

“Coñecino cando fixemos o documental de Celso Emilio que leu un poema. Tiña claro que me interesaba traballar arredor del, dun artista na súa plenitude. Leiro aceptou cando o convencemos de que era necesario mostrar como era o seu proceso creativo, o seu traballo e o seu entorno”, sinala o director dun documental que parte de Cambados, o seu mundo orixinario, e remata tamén en Cambados cunha festa de fin de rodaxe que se incorporará á produción. No medio, a Leiro poderemos velo preparando e mesmo inaugurando a exposición “Purgatorio” en Madrid, creando a súa peza “Ébola” co proceso que vai desde a escolla do material na canteira até a escultura final, ou debuxando e cociñando en Nova Yorque, unha cidade que o documental mostra “á altura dos seus ollos”. En Madrid con Txomin Badiola e en Nova Yorque con Antonio Murado, Paco Leiro entra en diálogo artístico en encontros que se reproducen en “Sísifo Confuso”. 

O documental preséntase como a pescuda “sobre as condicións físicas e mentais no proceso creativo“ de Leiro, un artista que, segundo o director Aser Álvarez, representa o “último supervivente dunha etapa heroica da escultura, como o definiu Txomin Badiola” No blog do documental pódese seguir a pista ao seu proceso de produción que aínda non ten data de finalización fixa mais agarda ser estreado neste mesmo ano. 

Comentarios