As singularidades tradicionais do Entroido Galego fronte á globalización
A gran riqueza e orixinalidade do Entroido galego está nas súas ancestrais orixes, nos aportes da historia, na variedade, na capacidade creativa de cada parroquia, de cada bisbarra, as que quizais en tempos máis antigos foron territorios de tribos, separadas por ríos e montes. Recanto do mundo de castros, de torres e pazos dunha aristocracia, de parroquias e leiras... berce do realismo máxico, confín cheo de tradicións, envolto en contos e mitos, ídolos reconvertidos en devoción a santiños e santiñas milagreiras, como na creación de monstros que se levarán a canicelos, a gárgolas, de máscaras que mesmo arremedan o Demo, con nomes e mitoloxía propia.
Entroido, Entrudio, Antroido... entrada, abrir da primavera que convida a subir aos faiados e abrir arcas e baúis que gardan tesouros, trebellos e roupas, andrajos, farrapos do pasado para mesturalas e vestilas. Traxes de calquera cousa, mesmo para proxectalos na inxenuidade dos nenos. Para sacar a relucir aquela parte oculta e ceibe do que somos. Encontro indiscriminado, no que, do dereito faise o revés, do travestismo, o mundo ao revés.
Oportunidade para a muda, para a purificación, para a pasaxe, a iniciación dos máis novos. Imperio da catarse, da algarabía, do escarnio, a troula, a esmorga, a ruada, a rexouba, a foliada, a pándega... cargadas de enxeñosas falcatruadas, base do teatro. E cavilamos nos apropósitos coruñeses, que ensarillan as tradicións do canto, da música, do teatro, coa retranca dos entroideiros sermóns, para resultar como unhas singulares zarzuelas, con retrousos do apropósito de, sacando a relucir a crítica, enchoupando de sorna o ambiente popular coruñés.
A súa apoteose está nos anos da Belle Epoque e da man da compañía de Antonio Santiago Álvarez, Nito. Sendo paralizadas pola ditadura, resucitan nos anos 60 do século XX.
Entroido, que significa entrada, a invasión da forza bruta da natureza, representada como oso, animal do monte, que esperta gruñindo, peideando e dando golpes no peito coas gadoupas. Véxase a representación do oso de Salcedo na Pobra do Brollón, auxiliado polos seus criados, para acometer e montar; o touro, morena de Laza, a besta brava do monte ou o xigante, como no Bolo, máscaras, que como a forza do instinto, entrarán adoecidas na urbe civilizada e quizais, tamén corrompida en rutinas. Tempo no que dar renda solta aos instintos en ritos de pasaxe, de iniciación para mozos e mozas. E será ao longo dunha corentena cos seus domingos, xoves de compadres e de comadres, con foliada final no triangulo máxico do domingo, luns e martes, para o Mércores de Cinza darlle a súa parte ao reverso da moeda: a corentena da Coresma, representada por unha rechumida, cuberta e enloitada señora, cunha folla de bacallau en cada man.
Cando manda o exótico, os felechos, as garabatas, os mantóns, o son das esquilas, os sombreiros... as fustas, os báculos, o estrondo dos bombos, dos metais, das vexigas...
Carnaval, carnestolendas, festa da carne, das enchentas, celebrando ao efémero ídolo de palla, farrapos ou cartóns, chamado Meco, como moneco, mesmo como o esperpéntico e bandulleiro Frei Canedo de Ourense; Urco en Pontevedra que comparte co Loro Ravachol, símbolo sacado dunha historia real, a do loro da modernista farmacia do humanista Perfecto Feijoo; o Rei no Covelo, Entroido, Momo coruñés... totems que abandeiran os escenarios de encontro. Onde tamén serán despendidos na noite do martes ou mesmo no mesmo Mércores de Cinza, para conducilos ás aforas e chamuscalos co lume purificador, botalo ao río ou mesmo pórllo na porta a quen fixo mal...
Cerimonia chamada Enterro da Sardiña, paradoxo cando o que habería que despedir sería a carne, a que simboliza o porco, a máscara desa cachucha sobre un par de lacóns cruzados e orlada de chourizos e androllas: escudo da entroideira plebe. E rescatar o peixe, a sardiña para a dieta coresmal, tempo representado pola cavilosa, ensumida, enloitada señora, cuberta de velos e nas mans unhas follas de bacallau. É célebre o enterro de Viveiro, onde todos se cobren totalmente con sabas brancas.
Nomes de máscaras en relación coas súas mesmas características, sen faltar a aculturación que lle irá pondo outras significacións : choqueiros (chocas), vergalleiros ou verallóns (vergas), vexigueiros como os de Samede-Paderne (vexigas), peliqueiros (pelicas) buteiros, pantallas, felos... aínda que estes tres últimos tamén se puideran relacionar co demo (Pedro Boteiro, as pantallas con Pantagruel e os felos con felón... Entre a incerteza do significado de cigarrón, quizais do Forum Gigorrorum/A Rúa) ou en relación cos cimarróns (salvaxe) entre a maxia doutras mascaras da borralla, as que se visten chafalleiras, do que cadra e se atopa.
Máscaras acompañadas de folións, comparsas, murgas, cargadas de influencias chegadas por todos os camiños: Cádiz, Canarias, Brasil, a México, batukadas... Onde a percusión pon ritmo e tanxe nas cordas do corazón e da emoción.
Coas diferentes máscaras
—Os Buteiros de Viana do Bolo, coas súas máscaras labradas en toco de castiñeiro, cubertas cun coroamento de cor, quizais no pasado con flores e plumas, ao cinto as tintineantes esquilas, calzas avultadas, de cores e felechos, polainas negras... e na man un báculo rematado co rabo dun raposos ou lobo. Quizais cunha orixe nun Cernunnus céltico, pasado por esas relación con Iberoamérica, coa Danza da Pluma Mexicana...
—Vellaróns de Riós, semellantes aos buteiros, tamén de traballada camisa de cintas fruncidas, namentres que o coroamento tira a ser unha estrutura cilíndrica ou cónica.
—As Mázcaras de Manzaneda están nunha liña similar, vestidas de branco, cubertas de cintas, garabata, mantón de manila cruzado e singular xeito de bailar a modo de buxaina. Como as Bonitas de Cartelle.
—Cigarróns de Verín, Peliqueiros de Laza, de moi coidado traxe, zapato, medias brancas, caladas, calzas con pompóns, camisa e garabata, chaqueta curta e careta de madeira, artellada nun gorro amplo, ao xeito napoleónico que levará pintado un animal feroz. Detrás, cubrindo a caluga a pelica, camisa branca con rechamante garabata e aos ombreiros un exótico manto de Caxemira. Non faltarán ao cinto as chocas, cencerros. Dis que a orixe está na caricaturización dos cobradores de impostos dos influentes condes de Monterrei.
—Pantallas de Xinzo de Limia, de axustada roupa branca, botas negras, faixa vermella e sobre dela o cinto de esquilas, curiosa careta, feita con papel e trapo, de orellas apuntadas anexa a un gorro que caricaturiza o tipo frixio, cuberto de símbolos astrais. Capa negra con cintas debuxadas. Na man as vexigas de porco para facer estrondo.
—Vergalleiros de Sarreaus, semellantes ás pantallas, neste caso cubertos cun gorro tipo arlequín ou bufón, de tres bandas en diminución, cada unha rematada nun axóuxere.
—Troiteiros de Bande, todo de branco, incluso o sombreiro, sen careta e pano calado diante da cara, polainas de coiro e pau de mando na man.
—Labardeiros de Toén, de branco, salpicado de flores, pucho cónico, esquilas ao cinto....
—Pita das Eiroas de Cudeiro, de negro, simbolizando un paxaro, baixo os brazos, a modo de alas, cintas de cores. Non faltan ao cinto as esquilas.
—Felos de Maside e do Carballiño, máscaras de acabalos, con orixe nos arrieiros, de traxe e sombreiro plenamente cuberto de cintas de cores e espellos relucentes, abelorios, hoxe falsos swarovkys. Trunfo da cor e da habilidade dos xinetes.
—Xenerais e Correos do Ulla, máscaras de a cabalo, sen máscara, como enmedallados soldados napoleónicos, facendo altos e atranques, brandindo un sable co que dirixen retranqueiros sermóns e retrousos.
—Madamas e Galáns de Vilaboa. Danzantes de orixe medieval, de branco cuberto de cintas, doas, colares até o chapeau, sen máscara, e aos ombreiros un fular de plumas...
—Merdeiros nos arrabaldes de Vigo; de branco, polainas negras e chaleco vermello, máscara peluda, portando escoba e vara, colgando do cinto unha restra de allos.
Moitas destas mascaradas complementaban outras celebracións, é o caso do Írrio de Castro Caldelas, como unha representación dionisíaca, un Pantagruel ou Gargantua, aguilloando a festa, ou como as comparas de danzantes, así os Galáns do Morrazo, os Gamainchiños ou demos de Betanzos... as pampórnigas da Hermida de Quiroga.
A forza do espírito convoca na Galiza como en ningunha outra parte do mapamundi o Entroido que dá entrada á primavera, mesmo en lugares onde parecía apagado no seu remol e por onde e por algures aparecerá unha faísca e un vento que acenda a chama e a chamada do pasado. Renacer de luz, de cor, de creatividade solidaria que desenvolve a espiral da tradición e da creación, tan necesaria como vacina para un mundo sumido no andazo de egos, imperios e amarguras.