A ligazón entre o Entroido e os animais

Formigas, "a morena" de Laza, a Vaca do Entrudio de Castrelo do Val, galos, pitas, bois, osos, cabalos, cervos ou porcos... e como colofón a sardiña. O "animalario" arredor do Entroido mestura mitos e tradicións na procura de que remate o inverno e chegue a primavera, na que a natureza esperta. É tempo de que o monte entre na aldea anunciando o remate do inverno e o espertar da natureza. O investigador Carlos Xabier Ares dá sentido á presenza animal nos entroidos no seu libro 'O animalario do Entroido. Mitos e Tradición'. No Entroido "todo ten sentido, dentro do caos todo ten un significado", di.
As formigas teñen protagonismo
no Entroido de Laza 
(comarca de Verín).  (Foto: Carlos X. Ares Pérez)
As formigas teñen protagonismo no Entroido de Laza (comarca de Verín). (Foto: Carlos X. Ares Pérez)

O Entroido galego está fortemente ligado aos animais, das formigas de Laza, ao enterro da sardiña, pasando pola "morena", os bois, o oso de Salcedo (Pobra do Brollón, Terra de Lemos), galos, pitas, gatos, cervos e coellos adornan os distintos traxes que fan parte fundamental dos entroidos por todo o país, peliqueiros e felos locen nas súas máscaras figuras animais e, como non, o porco adquire neste mes do entroido o fundamental protagonismo gastronómico. "Somos porcofílicos” asegura o investigador Carlos Xabier Ares, autor do libro O animalario do Entroido, Mitos e tradición, no que repasa o seu estudo etnográfico polos entroidos de toda Galiza e identifica até 17 animais que fan parte da festa por todo o país.

O Oso de Salcedo

O de Salcedo, na Pobra do Brollón, está considerado un dos entroidos más ancestrais da Galiza. Os protagonistas son o Oso de Salcedo e os seus criados. O día central deste festexo en Salcedo é o luns de Entroido, momento da saída do Oso en compaña dos seus criados que se encargarán de facer prisioneiros aos veciños e curiosos tirándoos ao chan e marcándoos cunha pasta de auga e cinza.

O Oso vai vestido con pel de ovella e cobre a súa cara cunha máscara de coiro da que sobresae un gran fociño. Os seus criados visten de maneira máis sinxela, con tea de saco e cordóns de palla. Válense de grandes paus para reducir ás súas vítimas. Descoñécese a data de inicio desta tradición, pero o que si está claro é o seu arraigamento local.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 14 de febreiro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]

Comentarios