O Entroido na outra beira do Miño

O Entroido non é só festa: é un feito social total, un espazo en constante batalla coa globalización e a hiperturistificación no que conflúen a tradición, a comunidade, a economía, a relixión e a crítica social. Esta reportaxe, grazas á colaboración do antropólogo especialista Rafael Quintía, trata de afondar na complexidade do Entroido e na ausencia de límites do mesmo. Así pois, presentando tradicións portuguesas como a dos Chocalheiros ou a do Pai Velho, pretende dar conta da tímida liña que diferencia (ou non) o Entroido galego do portugués. 
> > Carros tirados por vacas cachenas no Entrudo do Pai Velho de Lindoso. (Foto: Sermos Galiza)
> > Carros tirados por vacas cachenas no Entrudo do Pai Velho de Lindoso. (Foto: Sermos Galiza)

O tempo cotián quebranta, as normas sociais silencian, o ruído e o son enchen o espazo público e, definitivamente, entramos no Entroido. Sendo o período que decorre durante os corenta días que anteceden a Cuaresma, na denominada Septuaxésima, o Entroido marca na Galiza un tempo excepcional dentro do calendario anual.

Mais, como ben defende o antropólogo, profesor e escritor Rafael Quintía, a excepcionalidade non é, nin moito menos, tan só festiva, senón que máis ben constitúe “un feito social total” no que conflúen e se activan todas as dimensións da vida comunitaria. Dentro dese feito social total, Quintía subliña o compoñente xurídico, pois hai una nova normatividade que impera durante ese tempo. “Non é que sexa o mundo ao revés, pero hai licencias que non poden ocorrer noutro momento espazo tempo”, apunta o antropólogo. Mais tamén a parte económica, por dinamizarse a economía coas festas e as comidas, a dimensión política coa crítica social, ou o ámbito cultural, estético e mesmo relixioso, entendido ese último ante a relación coas crenzas e os ritos. Por iso apelamos ao feito de que, en esencia, o Entroido o que
é un feito social total.

É precisamente esta complexidade o que leva Quintía a insistir en que o Entroido non pode ser entendido como un simple divertimento. “O Entroido é un asunto moi serio, non é para nada un cachondeo”, advirte, sinalando que a visión actual da festa está a miúdo distorsionada pola visión domesticada do carnaval urbano, no que se “eliminan todos eses aspectos máis ancestrais e relixiosos (no sentido antropolóxico da palabra) para quedar só o lúdico e festivo, pois na cidade o único que nos queda é o escéptico, a charanga e sátira”. Fronte a iso, o Entroido tradicional preséntase como unha celebración perfectamente estruturada, na que mesmo en determinados momentos “non podemos dicir que se están divertindo, se non máis ben que están facendo un rito”.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 14 de febreiro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]

Comentarios