Nova tradución do creador de Alicia

A singular fortuna de Lewis Carroll en galego

O escritor Lewis Carroll.

Lewis Carroll, o autor decimonónico que subxugou os surrealistas, goza dunha peculiar fortuna no mundo literario galego. Un conto enleado, traducido por Xosé Díaz Díaz e acabado de editar por Toxosoutos, é a última dunha relativamente abondosa serie de achegas en galego ao corpo literario do creador da célebre Alicia.

Aparecido orixinalmente por entregas na revista The Monthly Packet en 1880, Un conto enleado xoga coas dúas principais ocupacións de Carroll: a literatura e as matemáticas. "A intención do autor era a de abranguer en cada Nó", escribe no breve prefacio da obra, "unha ou varias cuestións -de aritmética, álxebra, ou xeometría, segundo o caso- para brincadeira e posíbel instrución dos cabais lectores". A trama da nouvelle está inzada de pequenos problemas matemáticos que o escritor agardaba a audiencia lle envíase resoltos á redacción da publicación.

 

O lúdico como elemento central da escritura, o humor como táctica, as realidades paralelas e as paisaxes oníricas, o sensentido como sentido último, atravesan Un conto enleado. O que o conecta directamente cos títulos centrais do inglés Lewis Carroll (1832-1898), aqueles que nun país das marabillas protagoniza Alicia, influíron decisivamente nas vangardas europeas e coñeceron unha nova vida á calor da psicodelia estadounidense. E que contan desde hai anos con versións en galego.

 

O díptico conformado por Alicia no país das marabillas (1865) e Alicia ao outro lado do espello (1871) saíu, en tradución de Teresa Barro e Fernando Pérez Barreiro, en 1985 da man de Edicións Xerais. Esta mesma editora encargouse de colocar nas librarías -en 1995- o inaudito poema épico surreal, case protodadaísta, A caza do Carbairán (1876), rescrito en galego pola poeta Marilar Aleixandre. Alicia para nenos, a versión dirixida á infancia, preparada polo propio Carroll, das aventuras da nena, o gato Cheshire, a Raíña de Corazóns ou o Coello Blanco, publicouna en 1996 a editorial luguesa Tris Tram, traducida polo seu "equipo".