VÍDEO | Sheila Patricia estrea Ribeirana, o último adianto do seu novo disco

Ribeirana presenta por primeira vez a estética visual que definirá o álbum, abrindo unha nova capa no proxecto da artista galega.

Xa se pode escoitar en todas as plataformas dixitais Ribeirana, o novo sinxelo de Sheila Patricia e novo adianto do seu disco, que será publicado o próximo 17 de decembro. Ribeirana é o último avance que se fará público antes do lanzamento do disco, con este sinxelo Sheila Patricia continúa desvelando as múltiples capas que conforman a súa identidade artística.

Nesta ocasión mergúllase na tradición galega dende unha visión persoal e contemporánea, reinterpretando a enerxía festiva e o carácter vívido das músicas de ribeira. A peza, cun ritmo sólido e unha estética moi marcada, conecta coa raíz colectiva e coa memoria emocional dun pobo que canta, baila e celebra o que permanece vivo co paso do tempo.

A música orgánica, coa electrónica minimalista intégranse tal e como temos visto noutros traballos da artista, utilizando as pandeiretas, pandeiros e voces das pandereteiras Marina Vidal e Paula Espada como elemento central da peza xunto coa propia cantante.

Con Ribeirana, a artista presenta por primeira vez a estética visual que acompañará o novo disco: unha mirada á raíz, á terra e ao camiño andado, que se suma ao fío conceptual das múltiples capas que conforman a súa identidade artística.

Este lanzamento anticipa un disco que condensará as esencias que acompañaron a Sheila Patricia ao longo da última década: raíz galega, sonoridades contemporáneas, feminidade, espiritualidade, experimentación e unha profunda conexión co público. Un álbum que representa a madurez dunha etapa creativa e a consolidación dun universo artístico que a sitúa como unha das voces máis singulares da música galega contemporánea.