A Semana de Filosofía clausúrase cun discurso emancipador encol da sexualidade

Despois de cinco días de intensos debates, a XXXII Semana Galega de Filosofía chegou a súa clausura coa defensa dun discurso “emancipador” sobre a sexualidade, poñendo fin ao máis amplo e profundo encontro sobre a temática realizado no país. 

Imaxe Penélope Alonso
photo_camera Imaxe Penélope Alonso

Contra o silencio, tamén no ámbito intelectual, a respecto da sexualidade debateuse na Semana Galega de Filosofía que se desenvolveu do día 6 ao 10 no Teatro Principal de Pontevedra. Na lectura das conclusións, o membro da Aula Castelao, Xoán Carlos Garrido Couceiro, sinalou a “ausencia de discusión pública xustificada apelando a súa circunstancia na esfera do privado”. Diante da ausencia dunha ampla bibliografía no ámbito intelectual consonte a relevancia do tema, nas conclusións lembrouse o papel pioneiro de Hildegard Rodríguez que con 11 anos daba conferencias sobre feminismo e sexualidade e que deixou libros como  “A Revolución Sexual”, “A rebeldía sexual da xuventude”, “Sexo e amor”, a “Educación sexual”, que, ao seu ver, “merecen ser lembrados como antecedente e punto de referencia para as análises actuais”. 

Contra prexuizos colectivos e individuais

Desde a Aula Castelao de Filosofía, as xornadas serviron para “desfacer algúns dos prexuízos colectivos e individuais nos que a nosa concepción da sexualidade se asentaba, obrigándonos a cuestionar moitas das nosas certezas e  facéndonos máis conscientes da necesidade de discursos complexos para reforzar a nosa subxectividade entendida como capacidade de decisión”.

Despois de intervencións que abordaron a sexualidade desde todos os ámbitos, desde o congreso subscribiuse na lectura de conclusións “a posición que pretende abordar o sexo desde a perspectiva sinérxica e cooperativa, e tanto máis en canto esta sinerxia é máis un desexo que unha realidade constatable”. Consideran así que a Semana Galega de Filosofía ofreceu “un espazo para que un novo discurso emancipador emerxa, e que este produza os seus efectos de realidade”, que, en definitiva,o traballo que desenvolveron no ámbito da teoría teña tamén repercusión na praxe. 

comentarios