mércores 27/10/21

A Selic despide a edición de 2021 co reto de atopar novos modelos de lectura

O resultado desta quinta edición da Semana do Libro de Compostela con actividades na rúa foi tan bo que a organización quere incrementar “a súa relación con máis espazos da cidade”. Este domingo decorrerán as últimas actividades.

Acto da Selic da pasada quinta feira, no que participaron María Pilar García Negro e Marilar Aleixandre, entre outras. (Foto: La Diapo)
Acto da Selic da pasada quinta feira, no que participaron María Pilar García Negro e Marilar Aleixandre, entre outras. (Foto: La Diapo)

A Semana do Libro de Compostela (Selic) despídese un ano máis e, nesta ocasión, faino estabelecendo como obxectivo para a próxima edición a procura “de espazos de encontro para ampliar os modos e modelos de lectura”.

As librarías e as editoras participantes quedaron satisfeitas do que supuxo saír á rúa nesta quinta feira -con actividades na rúa do Vilar e na praza das Praterías- e consideran que esa relación debe ser ampliada en futuros anos. Tanto é así que pensan en chegar a outros espazos da cidade.

Desta forma, consideran que tamén se poden “diversificar os argumentos sobre a música, a ciencia, o ensaio, a poesía, a ilustración”. Todo para “conseguir unha verdadeira participación do público e que non haxa só espectadores ou espectadoras do que ocorre”.

De feito, nestas últimas horas de evento Carlos Labraña guiou un grupo de persoas polo percorrido que facían habitualmente Maruxa e Coralia -coñecidas popularmente como ‘As Maruxas’- pola cidade.

Propostas de lecer para todas

Para o domingo está prevista unha actividade de contacontos destinada ás crianzas. Será na sede de Afundación, no Vilar, a partir das 12 horas. Unha hora despois a escritora Emma Pedreira compartirá as súas impresións sobre determinados libros co público.

Ás 17.30 horas o protagonista será Federico García Lorca, “que desde a súa estatua na Alameda seguro que escoita a conversa que manterán Henrique Alvarellos, autor de Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), e Aníbal Malvar, autor de Lucero (Ediciones Akal), na rúa do Vilar”. A fin de festa da Selic será ás 19 horas co concerto de aCentral Folque.

Precisamente esta última xunto con Alvarellos editora, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Pedreira, Librería Aenea e o Servizo de Publicacións da USC permanecen até o final do festival, e esta fin de semana incorporouse a editora Árbore Azul. A Libraría Numax e a editora Patas de peixe tamén formaron parte da Selic até a pasada cuarta feira.

comentarios