A SELIC celebrarase en outono e contará cunha nova directora

Lorena Conde e Miriam Louzao na presentación desta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Lorena Conde substitúe na dirección a Camilo Franco.

A concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, anunciou esta cuarta feira en rolda de prensa algunhas das novidades que traerá a nova edición do Festival da Lectura SELIC, que terá lugar por primeira vez en outono e contará cunha nova directora artística, a artista e escritora Lorena Conde, que substitúe a Camilo Franco no posto.

O obxectivo destes cambios é achegarse ao público escolar e á veciñanza compostelá e reforzar actividade das librarías locais.

As persoas representantes do sector editorial e libreiro que participaron na SELIC o pasado ano, cos que Míriam Louzao mantivo unha xuntanza, acolleron favorabelmente o cambio. Míriam Louzao explicou que, tras a boa acollida entre o sector editorial e libreiro involucrado na SELIC, o Concello levará a cabo unha serie cambios no Festival de Lectura SELIC coa intención de achegar "novas perspectivas" a este evento cultural xa consolidado na cidade, na que será a súa novena edición.

Segundo anunciou a concelleira, este punto de inflexión arranca co nomeamento dunha nova directora artística, Lorena Conde, tamén presente na rolda de prensa, cuxa incorporación ten como obxectivo "abrir unha reflexión sobre a marcha do propio evento e propoñer novos retos".

Outros dos obxectivos será a creación de "sinerxías estábeis e duradeiras no tempo co calendario escolar, de xeito que a SELIC se integre na vida da cidade e do público máis novo, unha circunstancia que consideramos imprescindíbel para a apuntalar a función da lectura e a literatura na sociedade".

O terceiro dos retos que se pretende abordar nesta nova etapa é o de "reforzar a actividade das librarías de proximidade, como axentes indispensables para a identidade de Compostela, xa que esta cidade sen librarías non sería a mesma", engadiu.

 A concelleira de Capital Cultural aproveitou para presentar publicamente a nova directora artística da SELIC, a dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta Lorena Conde.