O Seixoval, a memoria proletaria da Terra de Celanova

Na montaña máxica do Viso, entre minas esquecidas e aldeas que loitan contra o abandono, nace 'O Seixoval. A montaña máxica', documental de Dósio Álvarez e Ignacio Vilar: unha viaxe emocional pensada por e para a comunidade das Terras de Celanova, entre presentes, ausentes e a forza da paisaxe que aínda resiste.
Fotograma do documental.
Fotograma do documental.

Máis de 40% da poboación da comarca da Terra de Celanova supera os 65 anos. Pero por moito que as aldeas galegas vaian quedando sen xente, a súa memoria segue latexando. O Seixoval. A montaña máxica, o novo documental creado e guionizado por Dósio Álvarez e dirixido por Ignacio Vilar, con produción e fotografías de Pilar Silva, nace precisamente da necesidade de facer visíbel esa memoria esquecida. Estreado recentemente no Claustro Barroco do mosteiro de Celanova cunha acollida multitudinaria, o filme, xunto coa exposición fotográfica Presentes e Ausentes, mergúllanos nas terras de Celanova, Gomesende, Ramirás e Cartelle –onde toma protagonismo a parroquia de Escudeiros–, seguindo o fío dun pasado mineiro que marcou profundamente esta zona do interior ourensán.

A semente do proxecto prendeu hai xa tempo, no seo da Fundación Vía Láctea polo Cinema Galego, cando Dósio Álvarez —habitante do Viso de Gomesende— decidiu recuperar a historia das minas de estaño que seu tío bisavó, José Viso, abrira a finais do século XIX. A actividade mineira chegou a ser clave para a economía e a vida social da zona até mediados do século XX. Consciente da pegada que deixara nas familias e no territorio, Dósio comezou unha busca de testemuñas e documentos que derivou no encontro con David Álvarez Núñez, un rapaz que, con só trinta anos, publicara un pequeno libro no que recollía a historia local das minas. Esa descuberta activou un proceso de colaboración coa produtora Pilar Silva e co cineasta Ignacio Vilar, dando lugar ao documental e á exposición que hoxe se exhiben.

“Destacaría deste traballo dun longo ano como fomos capaces de somerxernos nas aldeas da comarca”, explica Pilar Silva a Nós Diario. O equipo comezou coñecendo ás xentes do lugar, habitantes superviventes de aldeas abandonadas, e “a beleza extraordinaria da súa paisaxe: fluíndo cunhas augas que murmuran aos oídos unha música máxica que o envolve todo”.

Testemuñas, paisaxes e memoria

O documental ofrece en 45 minutos un retrato coral, protagonizado en boa medida por Juan 'Machembora', antigo mineiro e veciño da zona que acabou por converterse nun elo esencial do equipo. “Foi clave cando parecía que non sabiamos moi ben como seguir. El guiounos polo territorio, polas festas e polas rutas. Foi a ponte cos demais. Ao final decidimos que o protagonista tiña que ser el mesmo”, explica Silva. Sen guión, con espontaneidade e verdade, Machembora axuda a tecer unha narrativa que se constrúe desde o real, desde o vivido nas minas do Seixoval.

Tamén foi decisiva a implicación directa de Dósio Álvarez. A súa casa familiar no Viso, deshabitada durante anos, foi restaurada polo equipo con moitas dificultades para se converter en base de operacións e espazo de convivencia. “Vivimos no lugar, compartimos o día a día coa xente. Non é só gravar: é mergullarte”, resume Silva. Con todo, o obxectivo non era recuperar a vida da familia de José Viso, senón recuperar a memoria das minas tecendo unha historia arredor dos mineiros e mineiras, das historias –tamén penosas, ás veces– do proletariado do lugar.

Por outra parte, a dirección de Ignacio Vilar trata de achegar ao filme un ton lírico e simbólico. Un dos momentos máis destacados é a escena na capela con Benito Reza, que achega un punto máxico ao relato, entre a realidade e o imaxinario popular. “Ignacio Vilar xogou coa idea das transparencias. Hai escenas nas que o fume, o movemento das mulleres nas minas e as imaxes estáticas constrúen unha presenza fantasmal deses ausentes”, explica Silva.

A estrea en Celanova: un filme para a comunidade

A estrea no mosteiro de Celanova foi un reflexo do vínculo emocional co territorio. Máis de 300 persoas reuníronse para ver o documental e visitar a exposición no Claustro Barroco. No acto de presentación puido escoitarse a música de Irma Fernández, quen tamén aparece no documental tocando o órgano, xunto con José —figurante mineiro— e Vanesa, neta dun mineiro que tocaba o acordeón. “Foi un momento moi emocionante”, lembra Pilar Silva. “Levamos moitos meses traballando e estamos satisfeitos cos obxectivos conseguidos”.

O Seixoval. A montaña máxica non é só un documental nin unha exposición. É un acto de resistencia que crea comunidade a través da memoria compartida. O proxecto devén unha ferramenta para combater o esquecemento e o abandono das aldeas galegas. “Este traballo é para as novas xeracións”, di Silva. “Para que coñezan a súa historia, para que defendan o seu patrimonio. Saber de onde vimos para saber quen somos e cara a onde imos”.

Agora está previsto que o documental circule por outras aldeas da comarca e que chegue tamén a Ourense. A viaxe do Seixoval está só comezando, igual que o impulso que quere provocar: un regreso ás raíces non como nostalxia, senón como acto de futuro.

'Presentes e ausentes', fotografías que unen tempos

"Foi un traballo de campo intenso, profundo e auténtico”, conta Pilar Silva a Nós Diario, fotógrafa e produtora do proxecto. “Falamos cos mineiros que aínda viven, algúns emigrados en Suíza, que aínda hoxe seguen vindo á aldea. Fixen fotografías dos vivos e vivas, e eles compartiron fotos dos seus ausentes. É unha recuperación da memoria que vai máis alá do rexistro: xera un movemento vivo, que medra”.

Un dos eixos centrais do proxecto O Seixoval é ese entrelazado entre presentes e ausentes, entre persoas e paisaxe, entre historia e emoción. A exposición fotográfica —complementaria ao documental— recolle esa tensión de forma poética. “É tamén un traballo contigo mesma. Eu, que son neta de Alberto García Ferreiro, de Sobrado do Bispo, agora quero facer un traballo sobre o meu avó. Fotografei a memoria doutros, pero nese proceso tamén emerxeu a miña”, explica Silva. “Nas aldeas atopas xente que se implica moitísimo, que quere contar, que che abre as portas. Foi unha vivencia moi fonda, emocional, de amizade e complicidade. Hoxe xa son amigas, non só informantes”.

A mostra, inaugurada o pasado 19 de xullo, pode visitarse no Claustro Convento de San Rosendo, en Celanova, até o vindeiro 4 de agosto.

Comentarios