Un segundo ano dedicado a Lois Pereiro

Catro anos despois de que a Academia lle dedicara o Día das Letras Galegas, o poeta Lois Pereiro é de novo centro dun ano de conmemoración. Desta volta, no seu concello natal, en Monforte de Lemos onde este sábado bota a andar un ano dedicado ao celebrado poeta. 

Lois Pereiro
photo_camera Lois Pereiro

Poucos son os nomes da nosa literatura que teñen a fortuna de seren recoñecidos con dous anos dedicados a súa obra e a súa figura. Acontece con Lois Pereiro considerado o autor que lle deu unha volta ao Día das Letras Galegas cunha celebración dinámica e entusiasta como non se lembra que conseguiu ademais animar a multitude de creadores e creadoras que dialogaron coa súa obra. Con este antecedente, o Concello de Monforte bota a andar unha conmemoración encamiñada a que a figura do poeta deixe pegada fonda na localidade da que era natural. 

Despois dunha polémica promovida por un PP local que prefería celebrar ao Conde de Lemos que ao seu poeta máis recoñecido, o goberno local presenta o programa de actos que se inician, despois de distintas actividades nos centros de ensino, cun programa intenso o vindeiro sábado 11 ás 11:45 cunha recepción oficial á familia do escritor antes de que ás 12:00 o nome do poeta de nome definitivamente á Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e á Biblioteca Pública Poeta Lois Pereiro, dous equipamentos culturais que levarán, tamén desta volta por partida dobre, o nome do escritor nacido en Monforte. 

Música e literatura

Media hora despois, en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega iniciarase un acto literario no que participarán o presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias ademais dos escritores e escritoras Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez, e Mercedes Queixas que lerán poemas de Pereiro nun acto no que o músico Gonzalo Herrero interpretará varias pezas musicais. A xornada rematará cun concerto  cos grupos Verá Lynn e Os Tres Trebóns. Será o inicio oficial dunha programación que se prolongará ao longo do segundo ano dedicado a Lois Pereiro.

Comentarios