Sarabela Teatro conducirá a gala dos Premios de Teatro María Casares

Unha escena da peza 'Made in Galiza', de Sarabela Teatro. (Foto: AAAG)
Fernando Dacosta encargarase da dirección e da dramaturxia da gala, que contará cun elenco conformado por seis intérpretes: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.

A compañía Sarabela Teatro conducirá a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares que se entregarán o vindeiro 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Fernando Dacosta encargarase da dirección e da dramaturxia da gala, que contará cun elenco conformado por seis intérpretes: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) retransmitirá a gala en directo a través da súa canle de YouTube ao non emitila a CRTVG, unha negativa da dirección dos medios públicos que cada ano é criticada desde o sector.

Sarabela Teatro, que vén de gañar o premio 'Celanova, Casa dos Poetas', é un auténtico referente histórico da escena galega. A formación ourensá, fundada en 1980 por Ánxeles Cuña e á que están vinculados actores e actrices como Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago ou Elena Seijo, é a compañía privada con maior número de premios María Casares –48 galardóns–.

A compañía, ademais, organiza importantes citas no circuíto de festivais escénicos da Galiza. A  comezos dos noventa fundou a Aula de Teatro Universitario de Ourense, que foi premiada en 2019 co Premio de Honra Marisa Soto. Para a gala dos María Casares, Sarabela ofrecerá un espectáculo que homenaxeará as compañías ambulantes. Retrataranse as vicisitudes dos cómicos e cómicas da legua, recollendo a idea renovada de Viaxe a ningunha parte, obra referencial de Fernando Fernán Gómez adaptada á escena pola propia Sarabela en 2012.

Vadim Yuknevich encargarase da música, o vestiario correrá a cargo de Tegra e Lele, José Bayón e Rubén Dobaño asumen as tarefas de iluminación e son, e Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección. Marta Horjales asume a produción executiva dos premios.