Sara Guerrero: "Para min, escribir está moi relacionado coa actuación"
Será homenaxeada como "Nosa Señora das Letras 2025", que supón recibir un galardón coma este?
Para min foi toda unha sorpresa, a verdade é que non mo esperaba. De feito, eu pensaba que o libro non estaba a ter unha recepción demasiado boa. A verdade é que A Sega fíxome un completo agasallo, máis tendo en conta que se trata dunha plataforma de pensamento e crítica feminista e que ademais conforman autoras que eu admiro moito. Para min é moi significativo que sexa unha asociación de crítica libre na que non hai ningunha institución polo medio, e tamén que sexa feminista claro, porque estas dúas cousas fan que sexa máis próxima e transparente. En síntese, estiven moi contenta, e claro que me sorprendeu, xa que normalmente adóitase homenaxear autoras con moita traxectoria literaria, e este era o meu primeiro libro.
Coméntasme que o feito de que sexa outorgado polA Sega aínda é un agasallo máis, pero que significado concreto ten para vostede que veña desta comunidade crítica?
Eu levo moito tempo traballando en cuestións feministas, pensando a literatura desde enfoques feministas e lendo a mulleres desde unha mirada crítica, polo que para min si que é importante. Por iso é tan significativo que o galardón veña dunha institución feminista libre que non ten outro interese máis que a literatura por si mesma. Síntome moi arroupada coa miña primeira novela, que creo que é moi importante, máis sendo unha persoa con experiencia migratoria.
Estar aberta a escoitar outras narrativas, outras mulleres, e non co sentido de incluílas e borrar todo o que elas son para incluílas noutro paradigma é a tarefa máis importante do feminismo, por iso este está tan representado no premio. Penso tamén que é bonito que sexa unha organización feminista a que te premia cando ti mesma xa levas pensando tempo a literatura desde ese enfoque.
[Poderás ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 2 de agosto. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]