'San Simón', de Miguel Ángel Delgado, chegará ás salas de cine o 24 de outubro

O filme sobre a represión na illa de San Simón estrearase esta quinta feira no Donosita Zinemaldia, sendo a única película galega do festival. 
Fotograma de 'San Simón' de Ángel Delgado. (Foto: Docomún)
Fotograma de 'San Simón' de Ángel Delgado. (Foto: Nocomún)

A un día da súa estrea internacional na sección Made in Spain do Donostia Zinemaldia, San Simón anuncia que a súa chegada ás salas comerciais terá lugar o próximo 24 de outubro.

A película de Miguel Ángel Delgado terá a súa estrea mundial esta quinta feira, 25 de setembro, no Donostia Zinemaldia e tamén un pase ao día seguinte, ambos con entradas esgotadas desde hai días.

A Donosti acudirán varios membros do equipo técnico e artístico e a estrea —unha das poucas da súa sección e o único filme en galego do festival— contará con presentación e coloquio de Miguel A. Delgado, Flako Estévez, Andrea Vázquez, Guille del Moral e Alexandro Bouzó.

Ademais disto, antes da súa estrea comercial, San Simón tamén poderá verse na sección Panorama Galicia do Festival de Cine Internacional de Ourense o próximo 2 de outubro.

A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por todo o Estado español: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos "fechados". San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega. 

Comentarios