Rodríguez enfatiza que pode aparecer máis obra inédita de Rosalía, nunha entrevista na RG

Rosalía de nova

Francisco Rodríguez afirma nunha entrevista no Diario Cultural da Radio Galega que pode aparecer máis obra até o de agora descoñecida de Rosalía de Castro, tal e como adiantara nunha entrevista en Sermos Galiza. A preguntas de Ana Romaní, o investigador explicou o achado do inédito rosalián que viu a luz no número 44 do noso semanario.

O investigador e autor de varios volumes arredor da obra e a figura de Rosalía de Castro foi entrevistado pola xornalista Ana Romaní no Diario Cultural da Radio Galega desta terza feira.Na conversa avanzou que pode aparecer máis obra inédita da poeta. Segundo o investigador, que vén de dar a coñecer o poema publicado en 1866 no xornal madrileño La soberanía nacional, ten constancia de que Rosalía dera ao prelo da imprensa distintos textos que até o momento non fan parte da súa obra completa.

"Rodríguez ten constancia de que Rosalía dera ao prelo da imprensa distintos textos que até o momento non fan parte da súa obra completa"

Lamentou Rodríguez o descoido no que se tratou o noso patrimonio, en especial a ausencia dunha hemeroteca galega completa, polo que a falta de exemplares dalgunhas cabeceiras -citou El Progreso de Pontevedra- podería mesmo dificultar para sempre o aparecimento de algunhas das súas composicións.

Francisco Rodríguez comentou asemade o contido e a natureza do poema agora recuperado e chamou a atención sobre o feito de que até agora non se citara a relación entre Olózaga -o político progresista a quen lle dedica a escritora o poema- e Murguía, que participaban en faladoiros e mantiñan frecuente contacto.

Escoite a entrevista de Francisco Rodríguez na RG (a partir do minuto 7)