Roberto C. Pérez "Reberete", artesán de gaitas: "O obradoiro era como a miña fortaleza e agora síntome un pouco espido"

Reberete no que quedou do seu obradoiro, como a marca dos seus instrumentos.
photo_camera Reberete no que quedou do seu obradoiro, como a marca dos seus instrumentos.

Desde neno sentiu a chamada da artesanía e a música a un tempo. Tivo a sorte de seguir o seu camiño e conseguir o soño de ter un obradoiro de instrumentos tradicionais galegos onde traballar na creación de gaitas e todo tipo de percusións. O pasado  11 de xuño as lapas dun incendio fixeron desaparecer o centro do seu mundo e con el a posibilidade de continuar coa súa paixón. Co apoio de músicos e amizades creou un proxecto a través da plataforma de apoio Verkami que pula por devolverlle a vida a ese recuncho especial de San Cristovo de Cea, na comarca do Carballiño.

Como se fixo artesán de instrumentos tradicionais galegos?

O meu gusto pola artesanía coido que vén mesmo desde que nacín. Lembro telo desde que me fixen neno nesta aldea onde montei o obradoiro e comecei a palpar a madeira e a construír as miñas cabanas, os meus xoguetes... Creo que comecei nese momento. Logo veu a música por parte da familia. Escoiteina na casa e durante a miña vida unín ese facer das mans co sentimento musical. Rematei sendo artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos porque a miña vida seguiu sempre esas dúas liñas.

Non sabía que se podía vivir disto até que comecei a traballar no obradoiro. Non é un oficio que estudas para selo, como poden ser outros. É un oficio que, habitualmente, é herdado. No meu caso non foi así. Recoñezo que foi un pouco casualidade. Leváronme tamén os meus gustos e as compañías que tiven sempre. Comecei hai doce anos, cando tiven necesidade de arranxar unha gaita vella que tiña aquí perto da miña aldea.

Entrei naquel obradoiro e vin todas aquelas máquinas, toda a madeira e claro... viñeron a min as lembranzas de neno. Quedei un ano traballando alí con Clemente, o meu mestre. Logo veu a Universidade Popular de Vigo cun curso no 2012. O seguinte paso foi voltar a Ourense, onde pasei dous anos polo Obradoiro de Instrumentos Populares de Manuel Brañas.   

A relación coas e cos músicos axudou?

Os primeiros instrumentos realiceinos ao meu círculo máis íntimo de amizades. Son músicos e gústalles a música tradicional. Logo de ir a foliadas e seráns e ver tocar con instrumentos feitos por min, comecei a ter encargos. 

Iniciouse nalgún instrumento musical concreto ou en varios?

Recoñezo que comecei con todos á vez. No meu primeiro contacto con este mundo había un torno e eu collía paus, aínda que fose de carballo ou dunha madeira chea de nós. Púñame a furar para facer probas. O torno foi rápido. Fixen baquetas para percusión. Logo, cando comezas, é moito máis difícil vender unha gaita que unha pandeireta. As primeiras vendas foron de percusión sobre todo: pandeiretas, tarrañolas e percusión miúda. Co tempo especialiceime en gaita e xurdiron outros moitos encargos. A aprendizaxe entre eles foi en paralelo. 

Marcouno o incendio ao obradoiro?

Dun día para outro atópaste sen nada. Sen o teu lugar de traballo, sen o teu recuncho onde moitas veces aínda que non traballaba púñame a tocar e estaba arrodeado dos instrumentos e as miñas máquinas. Era como a miña fortaleza e agora síntome un pouco espido. Iso si, logo veu o arroupo que estou sentindo a través de toda a xente que estes días me apoia e manda forzas.

Pola campaña nas redes a través da plataforma Verkami comezan a facerme encargos de produtos para conseguir fondos e montar o obradoiro logo con eses fondos, para poder facer os instrumentos. Caín na conta de facer algo así pola cantidade de persoas que xa querían ingresarme o diñeiro para que lles fixese pandeiras ou tambores.

O propio concello ofreceume un local no polígono até que non teña de novo o meu obradoiro mais quero seguir apostando polo rural. Estou no lugar do Val, en San Cristovo de Cea, e gustaríame quedar aquí. Aínda que non sexa no mesmo edificio, polo menos que sexa na mesma aldea.

Comentarios